A máquina coa que se comunica Álex, de Redondela, non fala galego: "Todos os sistemas están traducidos ao castelán"
Persoas con esclerose lateral amiotrófica (ELA), crianzas con dificultades no neurodesenvolvemento, persoas con discapacidade intelectual derivada dalgún tipo de síndrome, con parálise cerebral ou con dano cerebral adquirido e perda de linguaxe funcional conversan e relaciónanse a diario grazas a un comunicador robusto, un sistema de comunicación aumentativa e alternativa deseñado para ofrecer un vocabulario núcleo e outro específico, con capacidade de crecemento e adaptación, para axustarse ás necesidades de cada persoa usuaria.
"Son dispositivos de alta tecnoloxía con moito software integrado", explica a Nós Diario Diana Gándara, presidenta do Colexio de Logopedistas da Galiza. No mercado hai distintas opcións para se adaptaren ás necesidades de cada persoas usuaria, máis no caso dos comunicadores deseñados para crianzas, as variacións son mínimas. "Son un pouco máis económicos e veñen con pictogramas que facilitan a comunicación aos nenos e nenas que aínda non teñen a lectoescritura afianzada", afirma a logopedista. Con todo, os softwares dispoñíbeis permiten avanzar na comunicación ao mesmo tempo que a persoa. "Hainos que che permiten crecer, facer frases e almacenalas, mesmo botar man da robótica. É o caso dos dispositivos máis potentes, pensados para persoas con ELA, con acceso a redes sociais, plataformas de mensaxaría e noticias".
Estes dispositivos poden controlarse de forma táctil ou a través da mirada, como fai Álex Fernández, un mozo de Redondela, de 16 anos, que desde hai cinco anos conta co apoio dun comunicador robusto para relacionarse cos seus e co acompañamento das logopedistas, Ana Lago e Laura Moreira no centro Amencer de Vigo, xestionado por Aspace. Dentro do seu sistema, Álex ten un "vocabulario núcleo", un conxunto de palabras que se consideran esenciais, como verbos e pronomes, e a maiores, un vocabulario específico, onde figuran todos os substantivos.
No vocabulario de referencia de Álex atopamos os verbos gustar, querer ou escoitar e adxectivos como divertido ou favorito. Na súa carpeta de 'sentimentos' destacan feliz, nervioso e canso; na de 'charla rápida' están ola, guai e grazas; na que chama 'as miñas palabras' non faltan "bro", "de chill" ou "me renta". Mais se hai unha temática que fascine este seareiro do fútbol é o Celta de Vigo.
Os de Giráldez son a súa paixón e ocupan boa parte do seu tempo de conversa. Non perde un partido nin a ocasión de comentalo, polo que entre as súas mensaxes almacenadas, unha das máis empregadas é "encántame ver goles do Celta e de Iago Aspas". O seu soño é poder saudar o capitán e o resto do equipo, un desexo que vai camiño de cumprirse coa complicidade do club vigués.
Sen materiais en galego
"Iago Aspas gústame", afirma tamén Álex, que malia medrar nunha contorna galegofalante comunícase a través dun sistema que conta con tradución ao euskera e ao catalán mais non á lingua galega. "Todos os sistemas están traducidos ao castelán", asegura Diana Gándara, que desde o pasado mes de outubro traballa nunha tese de doutoramento que xustifique e alente a integración do galego nos comunicadores robustos.
"Os vocabularios núcleo dispoñíbeis non parten de mostras reais de crianzas galegofalantes, polo que nin figuran en galego nin responden ás nosas características lingüísticas e culturais", aclara a logopedista, que fixou o reto de "extraer da fala espontánea de nenos galegofalantes o vocabulario esencial que eles utilizan, para ver como deberan estar organizadas e recollidas nos sistemas de comunicación alternativa e aumentativa".
O obxectivo é ofrecerlles ás empresas vocabulario e estruturas propias do galego para que poidan empregalo como xa fan coas linguas oficiais de Euskadi e Catalunya. "Temos unha barreira moi importante aquí, que non é exclusiva da alta tecnoloxía. Pásanos cos materiais que manexamos cada día nas consultas e mesmo nas escolas. Os test de avaliación tamén se desentenden do galego", o que dificulta as probas en moitos casos.
"Se queremos facer unha avaliación das dificultades articulatorias que ten unha crianza para pronunciar diferentes sons, as probas sempre inclúen a imaxe dun can para o fonema /rr/ e na miña zona nunca ninguén vai dicir 'perro'; ao igual que os recursos para unha valoración de afasia, que se produce despois dun ictus, en persoas adultas, non atenden á realidade galega".
"Fáltanos moito material", Diana Gándara, quen recoñece que levan tempo tratando de ampliar o catálogo de ferramentas dispoñíbeis en galego, "con moito traballo" e modificacións puntuais que faciliten as intervencións das expertas sen perda ningunha do rigor científico. Desde o Colexio de Logopedistas reclaman "consideración cara a lingua, financiamento e facilidades de acceso. "É importante", como di outra das frases recorrentes de Álex.