Lingua mollada

Porto de Camariñas. (Foto: Colectivo Xea)

Nova edición das 'Palabras con memoria' desde a AELG.

atortorar.- Verbo que significa dar voltas ao tortor,  que en terminoloxía náutica designa cada unha das voltas con que se retorce, por medio dunha panca, a trinca de cortiza que liga dous obxectos afastados entre si.

Lugar de escoita.- De catro a catro e outros textos de Manuel Antonio.

Fonte.- Ismael Viñas Montes de Oca.

 

chamar.- (Ademais de significados xa rexistrados) Tirar, palmear unha corda ou palangre.

Lugar de escoita.- Muxía.

Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.

 

magúas.- Conxunto de peixe pequeno utilizado para isco.

Exemplo.- “Levaba unha caixa con magúas para o isco.”

Lugar de escoita.- O Morrazo.

Fonte.- Xosé Euxenio Martínez Rial.

Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

 

tarabelo.- (Ademais de significados xa coñecidos) Instrumento de madeira para encarnar as nasas.

Lugar de escoita.- Muxía.

Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.

 

xaramiño.- Irisación sobre o mar ou os tombos do mar que fan os remuíños de vento de forma esporádica.

Lugar de escoita.- Muxía.

Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.