O Informe do Consello da Cultura Galega certifica a existencia de trabas para quen fala galego e a ausencia de restricións ás persoas castelanfalantes

Dolores Vilaveda, Rosario Álvarez e Hákan Casares, este 16 de outubro. (Foto: CCG)
O foro participativo organizado polo Consello da Cultura Galega 'Un país coa súa lingua' rematou esta quinta feira coa presentación dunha serie de propostas e de conclusións que evidencian o precario estado de saúde do idioma galego, cuxo uso non está aínda garantido en moitos ámbitos do noso día a día. 

Unha das principais conclusións que se extraen do traballo do foro participativo 'Un país coa súa lingua', que leva meses elaborando o Consello da Cultura Galega (CCG) é clara: “Quen desexa vivir en castelán practícao sen restricións, mais quen quere facelo en galego atopa ausencia ou baixa calidade de opcións en trámites, atencións e contidos”. Xa que logo, na Galiza é máis difícil vivir e desenvolverse en galego que en castelán porque, segundo o citado documento, presentado onte, “mantéñense inercias do castelán por defecto en trámites e interaccións con servizos públicos, a presenza do galego por áreas e etapas educativas é desigual e con pouca capacidade correctiva e, na xustiza ou na sanidade, persisten aplicacións, modelos e repositorios sen versión operativa en galego ou sen o mantemento suficiente”.

O pano de fondo son os malos datos do uso da lingua propia do país certificados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) no último trimestre de 2024, que para a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez “son o suficientemente claros e demandan outro tipo de actuacións”. A presenza do galego en eidos como a educación, a sanidade, a administración, a xustiza, os servizos sociais, a comunicación, o empresariado, a participación comunitaria ou o deporte conformaron un total de seis mesas nas que as persoas expertos convocadas polo CCG analizaron a situación actual do idioma e as medidas de futuro precisas, nun proceso aberto á cidadanía que achega ao panorama actual, mentres a Xunta da Galiza negocia un novo 'Pacto pola Lingua', un cento de medidas correctoras para o uso social do galego. No foro participaron 65 expertas e máis de 2.000 persoas nas mesas de debate.

Un alumnado "sen dominio operativo real" do galego

Na primeira mesa do foro participativo, sobre educación e socialización, persoas educadoras, Anpas e expertas na docencia e no sistema educativo conclúen que “unha parte significativa do alumnado na Galiza remata a ESO sen un dominio operativo real do galego comparábel ao castelán”. Da análise da situación do idioma na ensinanza do país o informe sinala que “hai insuficientes recursos” e tamén que “é moi mellorábel o apoio institucional aos equipos de dinamización lingüística” nos centros docentes.

Partindo do marco normativo imposto polo 'Decreto do plurilingüismo', o informe do CCG considera que “para asegurar que o modelo plurilingüe contribúa á normalización” é necesario “redefinir os criterios de distribución lingüística das materias”, estabelecer incentivos para “proxectos piloto” que poñan o idioma galego “no centro do proxecto lingüístico” e incorporar “mecanismos de avaliación” que midan tanto resultados académicos como impacto sociolingüístico.

Segundo explicou esta quinta feira en rolda de prensa a vicepresidenta do CCG e coordinadora do foro, Dolores Vilavedra, a proposta destes 'proxectos piloto' podería chegar a “un número 'X' de centros seleccionados pola súa disposición a participar" nos que se permitiría "completar o proxecto e implantar a maior parte das materias en galego”. No informe tamén se alude á escasa presenza do galego no Sistema Universitario da Galiza, apostando por elaborar un Plan Lingüístico único.

"Diglosia asistencial"

Na análise da presenza do galego noutros ámbitos como a sanidade, os servizos sociais, as relacións coa administración ou a xustiza, o informe destaca que nos hospitais e nos centros de saúde do Sergas “hai un patrón diglósico no que o galego pode chegar a ter certa presenza no uso oral”. Falan as persoas expertas nesta mesa do foro da existencia na sanidade pública galega dunha “diglosia asistencial” e critican tamén a “ausencia de rotulación e de software en galego” neste eido. De feito, demandan un servizo de normalización lingüística no Sergas, que actualmente non existe.

No caso da administración de xustiza, o informe constata que no ano 2024 “só 3,1% das sentenzas ditadas na Galiza foron en galego”. En relación co trato das persoas usuarias coa administración, o informe achega os datos do IGE de 2023, que sinalan 24,36% de persoas que falan só en galego coa administración e 21,86% que falan máis galego que castelán nestas relacións.

Nos grupos de traballo relativos á industria cultural galega e aos medios de comunicación e as redes, o CCG constata a “precariedade económica” a respecto das axudas e das colaboracións institucionais con este sector, e fala dun “compromiso desigual” dos medios de comunicación co noso idioma. A respecto das redes, convida a reverter un “ecosistema dixital desfavorábel” para o galego, que relega os contidos na nosa lingua en internet. Así, sinala que “o lecer dixital e mediático prodúcese maioritariamente noutras linguas”. O CCG propón unha mesa galega de diálogo coas grandes plataformas dixitais globais, como Google, Meta ou Spotify, para abordar algoritmos que penalizan linguas como a galega.

No ámbito da economía a proposta do CCG pasa pola “realización íntegra dos procesos empresariais en galego”, tanto no que ten a ver con estatutos como con contratos ou coas comunicacións das empresas.

Tamén se refire o informe ao deporte, no que apunta á necesidade dun “programa de acompañamento” a clubs e a federacións para que o deporte "sexa un espazo amábel para a lingua", pondo como exemplo “paradigmático" o do Celta de Vigo.

O BNG e o PSdeG sinalan o "fracaso" da Xunta, que estudará as propostas

Os resultados do informe provocaron que o BNG demandase esta quinta feira no Parlamento da Galiza a comparecencia do conselleiro de Cultura, Lingua e Mocidade, José López Campos, “para saber como valora o estudo e como vai aplicar as medidas que propón”. A deputada nacionalista Mercedes Queixas ve neste informe “unha nova demostración do fracaso das políticas do PP contra o galego, un novo fracaso do 'decreto da vergoña' que colocou o noso idioma nos peores datos da historia”. Por iso demandou da Xunta da Galiza “un cambio de rumbo” urxente. Tamén a deputada socialista Silvia Longueira exixiu ao Goberno galego “máis estratexia e máis recursos” para “desfacer o dano que fixeron ao galego desde que aprobaron o 'Decreto do Plurilingüismo' en 2009”.

A respecto do informe, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, asegurou a Nós Diario que “estaba pactado co CCG facer achegas ao plan xeral en elaboración”. Dixo sobre as conclusións que a Xunta “non está de acordo con todos os contidos” e insistiu en considerar que na educación “hai competencia parella en galego e en castelán”. As recomendacións do CCG, dixo, “pasarán ás comisións e despois á área técnica que ensamblará o plan xeral que levaremos ao Parlamento a principios de ano”. Sobre o citado decreto que regula o uso da lingua no sistema educativo, García afirma que “non temos liñas vermellas se hai consenso para tocar o decreto en algúns aspectos”, pero insistiu na postura da Xunta de “non derrogar, só modificar, con consenso e acordo social”.