Henrique Monteagudo, novo presidente da Real Academia Galega
“Fan falta novas ideas e novos pulos”, expresaba Henrique Monteagudo durante a súa primeira intervención como novo presidente da Real Academia Galega (RAG). Nun acto realizado na tarde deste 4 de abril no Pazo de María Pita da Coruña, Monteagudo comezaba o seu mandato cun discurso no que a mocidade, os obxectivos da nova executiva, a escaseza de financiamento e a preocupación pola situación da lingua foron temas principais.
Despois de 13 anos como membro de número da Academia (desde 2012), e tras ser coordinador do seminario de sociolingüística da RAG, Henrique Monteagudo, catedrático de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela (USC), asume o cargo da Presidencia afrontando como un dos seus principais retos, sinalou, a responsabilidade que supón na actualidade a defensa da lingua, cun marco adverso polas medidas restritivas promulgadas desde 2010 pola Xunta da Galiza, cando se comezaron a adoptar accións contra o galego, como o chamado Decreto do plurilingüismo. Como resposta a isto, destacou a necesidade de impulsar o pacto político e social pola lingua e reclamou maiores orzamentos para que a Academia poida seguir traballando de forma efectiva. Entendendo que a escaseza de recursos materiais non responde ao seu importante “capital simbólico”, tal e como indicou na súa intervención.
Políticas actuais "ineficaces" e "lesivas"
Na consideración de que o galego é de “todos e de todas as galegas” e entendendo que as políticas actuais non só son “ineficaces”, senón “lesivas”, o novo presidente da Real Academia Galega puxo o foco na mocidade do país, na procura de construír “unha Academia en contacto coa sociedade, cos colectivos de base, coa xente nova e coa diáspora”.
Destacou así a necesidade de sensibilizar a sociedade na importancia de "agarimar a lingua", propondo para isto as intervencións nos centros educativos, mais salientando tamén o importante papel das redes sociais para a difusión da lingua, reclamando maior espazo e difusión na internet para a cultura e o idioma do país e expresando a intención da Academia de continuar nesta liña de traballo, iniciada xa coa produción de series documentais online.
Con todo, Monteagudo sente unha “sensación de receptividade social cara á Academia” que a converte nun axente necesario na loita e defensa da lingua. Neste sentido, puxo en valor o recibimento que obteñen todos os anos os actos celebrados con motivo das Letras Galegas que, espallados por localidades grandes e pequenas, sempre obteñen grandes resultados, con “parabéns dos lugares máis sorprendentes”, dixo, destacando que a Academia é unha “entidade que se creou desde a sociedade” e que esa idea segue moi perto dos seus valores.
Un novo pulo
A nova executiva comeza o seu mandato despois da súa aprobación na xuntanza do pleno deste 4 de abril, á que acoderon 25 académicos e académicas e que resultou en 23 votos favorábeis e dous en branco. Con isto, renóvase ao completo a xunta de goberno da institución, coa intención de continuar co “traballo feito até o de agora”, indicou Monteagudo, mais cun pulo renovado.
O novo presidente sinalou que, a excepción de si mesmo, o resto de integrantes da nova executiva son de recente incorporación, nun ánimo de “tirar cara á renovación”. Abre así unha nova etapa para o que fora xa secretario entre 2013 e 2021, conformándose o resto da executiva por Ana Isabel Boullón, profesora de Filoloxía da USC e coordinadora da guía de nomes e apelidos galegos da RAG, como secretaria; María López-Sández, profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura da USC, membro da sección de literatura e do seminario de sociolingüística da RAG, como tesoureira; María Dolores Sánchez Palomino, catedrática de Filoloxía Románica da Universidade da Coruña, unha das principais redactoras da RAG, como arquiveira bibliotecaria; e Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da USC, como vicesecretario.
Natal de Muros, Henrique Monteagudo leva anos vencellado á Real Academia Galega, onde o seu labor no campo da sociolingüística e da normalización é amplamente destacado. Unhas inquedanzas que se reflicten xa no seu discurso de ingreso na institución: “Facer país co idioma: Sentido da normalización lingüística”.
Na actualidade, Monteagudo é catedrático na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, onde defendeu a súa tese baixo o título Ideas e debates sobre a lingua (1916-1936). Afonso D. R. Castelao e a tradición galeguista. Unha investigación que lle outorgou o premio extraordinario de doutoramento.
O muradán tamén conta co Premio Losada Diéguez de Investigación polo título Historia social da lingua galega (1999), así como o Premio da Crítica de Galicia, na modalidade de investigación, pola publicación Letras primeiras. O foral do Burgo de Caldelas, os primordios da lírica trobadoresca e a emerxencia do galego escrito.
Sucede Freixanes á fronte da institución
Con seu nomeamento, Henrique Monteagudo sucede como presidente da Real Academia Galega a Víctor Freixanes que, neste mes de marzo concluía un mandato de oito anos. Monteagudo chega ao cargo tras ser a súa a única candidatura presentada, nun dos momentos máis convulsos para a lingua, cunha perda continuada de falantes, particularmente entre a poboación máis nova. Un tema no que a Real Academia Galega puña xa o foco en decembro de 2024 coa publicación do Informe sobre a situación da lingua galega segundo os datos do Instituto Galego de Estatística de 2023, coordinado precisamente polo novo presidente da RAG e que, segundo a Academia, constataba a necesidade de impulsar un cambio no modelo educativo.