Gloria Lago, sobre a bandeira galega: "Sácame el trapo ese que quiero grabar"
Hablamos Español critica a manifestación convocada por “BNG, o seu sindicato e A Mesa pola Hispanofobia”.
A Mesa pola Normalización Lingüística concentrouse esta quinta feira diante dos xulgados de Ourense, “en apoio da única toponimia lexítima, oficial e legal, coincidindo co xuízo polas supostas actuacións nun balado que promovía a deturpación do nome da cidade ourensá”.
A denuncia contra estas supostas actuacións foi interposta pola plataforma Hablamos Español, autora tamén do balado no que se podía ler “Bienvenidos a Orense, ciudad que en gallego se llama Ourense”.
Ao xuízo asistiu, entre outras persoas, a presidenta de Hablamos Español, Gloria Lago, que ao remate da sesión criticou a “concentración de pata negra do BNG, o seu sindicato, e A Mesa pola Hispanofobia”.
Nun comunicado difundido nas redes sociais da plataforma, Lago afirmou que ao acusado “permitíuselle rir a gargalladas e facerlle preguntas ao xuíz”, e criticou que ao saír do xuízo recibira aplausos por parte das persoas concentradas diante dos xulgados. “Na Galiza, en temas de lingua, o delincuente é o heroe”, afirma.
“Como levaba unha pegatina da asociación que instigaba a atacarnos achegueime para gravalo e pasou isto”, explica Gloria Lago en relación a un colante no que se podía ler “Eu ❤ o galego”. A continuación a portavoz de Hablamos Español intenta gravar o acusado en vídeo e acusa outro manifestante de impedirllo ao tapala coa bandeira galega.