Desfeita, foliada, loia, lume, retrinco e xenocidio: comeza a votación da Palabra do Ano
O Portal das Palabras —proxecto impulsado pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié— vén de anunciar as seis voces que compiten por se converteren na Palabra do Ano 2025. Nesta edición, as finalistas son desfeita, foliada, loia, lume, retrinco e xenocidio, seis termos que atravesaron a actualidade social, política, cultural e ambiental da Galiza ao longo do último ano.
A votación permanece aberta até o 21 de decembro a través da web do proxecto (https://portaldaspalabras.gal/palabradoano/), e a palabra gañadora darase a coñecer a finais de mes, consolidando unha tradición xa asentada no calendario lingüístico galego.
As escollas deste 2025 condensan tanto as preocupacións colectivas —como lume, desfeita ou xenocidio— como expresións da vitalidade cultural e da riqueza léxica do país, representadas por foliada, loia ou retrinco.
Estas son as seis candidatas e os motivos polos que chegaron á final:
Desfeita
Fronte a neoloxismos efémeros e estranxeirismos crecentes, desfeita reivindica unha palabra de noso que funciona como comodín para nomear desastres, deterioracións e retrocesos de diverso tipo.
Foliada
O Ano das Cantareiras contribuíu a estender aínda máis o uso deste termo que designa as reunións festivas con música e baile. Nun sentido máis amplo, nomea calquera diversión buliciosa.
Loia
Nun ecosistema saturado de fake news, o galego ofrece unha alternativa precisa: loia, ou loiada, para referirse a aquilo que se presenta como verdadeiro sabendo que é falso.
Lume
O termo intensificou o seu uso no verán como sinónimo de incendio forestal. No balance de 2025, remite á crecente preocupación social polo agravamento destes eventos e á falta de políticas de prevención nun contexto de cambio climático.
Retrinco
Voz con ecos a Castelao —no ano no que se celebra a súa figura— designa "cada un dos anacos que sobran dunha cousa despois de cortala" ou un "espazo moi breve de tempo". Na era dos reels e dos clips, pode emerxer como alternativa propia para nomear esas pezas mínimas que enchen as pantallas.
Xenocidio
O termo, definido como a exterminación metódica dun grupo social por motivos étnicos, relixiosos ou políticos, adquiriu especial relevancia en 2025, no que cada vez máis voces internacionais cualificaron de xenocidio o masacre perpetrado por Israel contra o pobo palestino.