Dereito sen galego: a débeda pendente das facultades xurídicas coa lingua
Amara García Adán, xurista e contratada predoutoral en Dereito Procesual da UDC.
Christoph R. Schreinmoser, xurista bávaro e profesor de Dereito Internacional Público da UDC.
En vésperas do Día das Letras Galegas de 2025, a exclusión do galego continúa a ser alarmante en moitos ámbitos públicos, e un dos máis refractarios ao cambio é o mundo xurídico. Na Administración da xustiza o seu uso é practicamente inexistente. Tal é a situación que, en 2024, o Comité de Expertos da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias considerou que o Estado español non cumpre plenamente as obrigas que lle incumben en virtude do artigo 9 da Carta no que respecta ao emprego do galego nas autoridades xudiciais. En particular, destacou que non se garantía suficientemente que, a petición dunha das partes, os procedementos penais, civís e administrativos se levasen a cabo en galego. Esta situación é insostíbel dende o punto de vista da realización efectiva dos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes.
Como berce da formación xurídica, parte da responsabilidade de facer fronte a esta realidade recae, sen dúbida, nas facultades de Dereito das tres universidades públicas do Sistema Universitario Galego. Porén, cal é a situación do galego nas aulas das facultades xurídicas galegas? A nivel normativo, podemos dicir que existe un marco (estatal, autonómico e universitario) en aparencia favorábel ao uso do galego na ensinanza universitaria. Así a todo, na práctica diaria do ensino xurídico, a situación é claramente preocupante, por non dicir nefasta. Esta afirmación facémola tras termos revisado os datos sobre a presenza do galego na universidade, labor non exento de dificultades dada a escaseza de estatísticas actualizadas e fiábeis, o que tamén revela unha falta de interese institucional sobre esta cuestión.
Así pois, no caso da Universidade de Santiago de Compostela, que é a única das tres universidades públicas galegas que proporciona datos actualizados ao respecto, no curso 2024/2025 soamente o 25,4 % das horas docentes se imparten en galego. Segundo a USC, esta cifra é a máis alta en dez anos. No caso concreto do Dereito, a taxa é aínda máis baixa que no conxunto. Así, na Facultade de Dereito, unicamente o 23,6 % das horas docentes se imparten en lingua galega, baixando ata un exiguo 19 % no caso do Grao en Dereito.
As outras dúas universidades públicas galegas, a Universidade da Coruña e a de Vigo, non proporcionan estatísticas actualizadas comparábeis. Unha deficiencia que, dende o noso punto de vista, debe cualificarse como un fracaso esencial das súas políticas lingüísticas, xa que dificulta o diagnóstico necesario para tomar medidas adecuadas. Non obstante, existen varios estudos sobre o uso do galego como lingua de ensino nas dúas universidades que debuxan un panorama alarmante. Un estudo de Álvarez Sousa publicado en 2015 sobre o coñecemento e o uso do galego na UDC mostrou que, aínda que a maioría da comunidade académica coñece o galego, só unha pequena porcentaxe o utiliza activamente. En canto á docencia, só o 13 % dos membros do Persoal Docente e Investigador (PDI) enquisados responderon que daban as súas clases exclusivamente en galego e outro 13 % indicou que utilizaban o galego maioritariamente. Outras fontes falan incluso de que só o 10 % do ensino na UDC se imparte en galego. No caso da UVigo, a universidade publicou en 2018 un estudo sociolingüístico sobre o uso do galego na institución, no que o 23,8 % do PDI indicou que utilizaba unicamente o galego na docencia, mentres que outro 16 % respondeu utilizalo maioritariamente. Tendo en conta que estes datos falan da situación xeral destas universidades, pódese imaxinar que nas facultades de Dereito estes números se ven aínda máis reducidos, como se observou no caso da USC. Se mergullamos na aplicación POD aberto da UDC, que permite visualizar a lingua de docencia das diferentes materias do profesorado da Facultade de Dereito, podemos observar que, de noventa e tres docentes agás once imparten parte da súa docencia en galego. Un mero 12 %.
Tendo en conta estas cifras, cabería supormos que a normalización do galego fose unha prioridade clave para as facultades de Dereito; á fin e ao cabo, a promoción do galego como lingua propia é un compromiso estatutario das tres universidades. Nada máis lonxe da verdade, polo que semella. Así, o actual Plan Estratéxico da Facultade de Dereito da USC evita mesmo mencionar a cuestión da normalización lingüística. Unha falta manifesta de interese e vontade que, ao noso ver, é expresión dun problema sistémico dentro da política universitaria galega. Entre a internacionalización (sempre english-friendly, mais pouco amigábel coa lingua propia), a captación de fondos, os prexuízos persistentes e as exixencias dunha industria do coñecemento neoliberal centrada en resultados "aproveitábeis", pouco espazo queda para o galego. O esforzo individual de moitas persoas -no profesorado, no persoal de administración ou no estudantado– ten difícil facer fronte a unha inercia institucional tan fonda. Cómpre preguntármonos como é posíbel que, na Facultade de Dereito da UDC, exista un itinerario en inglés cun 50 % das aulas garantidas nesa lingua, mentres que non se ofrece –nin na UDC, nin na USC, nin na UVigo– ningunha garantía semellante para o galego.
Escribía hai uns meses Henrique Monteagudo que tocaba "a cadaquén reflexionar sobre as súas responsabilidades nesta deriva cara á extinción da lingua do país". É evidente que a responsabilidade principal da nefasta situación do galego recae na política lingüística neoliberal da Xunta. Mais, como representantes do poder cultural, cómpre reflexionaren tamén ás universidades e ás facultades xurídicas deste país se realmente están a cumprir co seu deber estatutario e moral de servir á sociedade e á lingua galega –ou se, pola contra, por inercia ou omisión, están a se converter en colaboradores daqueles que perseguen a submisión e desaparición do idioma propio da Galiza–. Dende o noso ver, semella claro que o modelo actual de política lingüística universitaria fracasou. Cómpre tomarmos medidas máis contundentes se queremos mudar o rumbo: agora ou agora.