Acción "sorpresa" o 25 de xaneiro para reclamar que o Dépor corrixa o topónimo deturpado
A campaña para que o Deportivo empregue o topónimo oficial da Coruña suma unha nova acción este domingo 25 de xaneiro, cunha convocatoria na previa do partido en Riazor que incluirá unha actuación sorpresa e o reparto masivo de material reivindicativo para reforzar o lema "O Dépor é da Coruña!".
A campaña social para que o Deportivo empregue o topónimo oficial da cidade vivirá este domingo 25 de xaneiro unha nova mobilización na previa do encontro entre o club branquiazul e o Racing de Santander.
Aquí tamén se fala, entidade promotora da acción, chama á masa social deportivista a concentrarse ás 19 horas na porta 4 do Estadio de Riazor, onde se desenvolverá unha "actuación sorpresa" cunha das bandas de maior proxección da escena musical galega —"sorpresa", aínda que no cartel difundido por redes sociais aparece unha figura que se parece moito a Grande Amore...—.
Aquí tamén se fala, recoñecido co Premio da Cultura Galega 2025, impulsa desde hai meses accións para visibilizar a demanda de que o club utilice correctamente o nome oficial da cidade. "Se cando chegas non ves escenario, non te estrañes… as sorpresas son así", advirten desde a organización, que mantén o formato da actuación baixo reserva até o último momento.
A mobilización chega nun contexto simbólico: en 2026 o Deportivo celebrará o seu 120 aniversario, ao tempo que a Lei de normalización lingüística leva máis de catro décadas en vigor. Neste marco, todos os institutos públicos da cidade asinaron recentemente un manifesto conxunto no que instan a directiva do club a corrixir o uso do topónimo deturpado e a asumir unha denominación acorde coa legalidade vixente e coa realidade social da Coruña.
Aliás, a mocidade estudantil coruñesa organizada desde o IES Rafael Dieste arredor da campaña "Aquí Tamén Se Fala" aproveitará a xornada para repartir outros 10.000 colantes reivindicativos, que se suman aos máis de 30.000 xa distribuídos en accións anteriores. O obxectivo, explican, é reforzar unha mensaxe que consideran amplamente compartida pola afección e pola cidade: o club representa A Coruña e debe nomeala como tal.
Desde a organización insisten en que se trata dunha acción festiva e cultural, pensada para sumar apoios e manter viva unha reivindicación que xa forma parte do debate público arredor da identidade do club. A consigna volve ser clara: o Dépor é da Coruña.