O Consello da Cultura súmase á RAG e tamén avala a restitución do Himno galego

O catedrático da UDC Manuel Ferreiro defendendo no Parlamento a ILP en favor da restitución do himno o 26 de setembro de 2023. (Foto: Arxina)

De igual modo que nas últimas semanas fixo a RAG, o Consello da Cultura Galega vén de avalar por medio dun novo informe solicitado polo Parlamento da Galiza –onde foi rexistrado a semana pasada para o seu estudo– a restitución do Himno galego que apoian arredor de 16.000 asinantes dunha ILP que en 2023 foi debatida, sen éxito –pola oposición de PP e PSdeG–, na propia Cámara.

Novo pulo á restitución do Himno da Galiza coa versión fidedigna do texto escrito por Eduardo Pondal, aquela que falaba dun valeroso "clan" e non "chan", como acabou chegando o poema Os Pinos aos nosos tempos por unha serie de erros históricos que a iniciativa lexislativa popular (ILP) impulsada pola plataforma Vía Galega e a federación Galiza Cultura –co apoio de arredor de 16.000 sinaturas– buscaba emendar. A proposta chegou ao Parlamento da Galiza o 26 de setembro de 2023 da man do catedrático de Filoloxía da Universidade da Coruña (UDC) Manuel Ferreiro, o encargado de defender o texto ante os deputados e as deputadas, mais o voto contrario do PP e do PSdeG impediu que saíse adiante –malia o apoio do BNG-.

O principal argumento esgrimido por ambas as formacións políticas fora que a ILP non era a ferramenta máis axeitada para modificar a letra do himno do noso país e que para iso cumpría crear unha comisión na Cámara galega que estudase a pertinencia de restituír as partes obxecto de deturpación e a avalase amparada en informes técnicos como o da Real Academia Galega (RAG), que a finais de outubro pasado deu tamén luz verde á restitución da letra orixinal de Pondal, ou o do Consello da Cultura Galega (CCG), que, por medio dunha resolución rexistrada no Parlamento o pasado 24 de decembro –e asinado o día 23– e á que tivo acceso Nós Diario, tamén considera "pertinente" revisar o texto, facendo seu o argumentario da RAG e mais o do propio CCG nun informe precedente datado do ano 2003.

Desde o Consello aducen que "todo indica que [o texto] foi reproducido no seu día tomando como base unha edición pouco rigorosa desde o punto de vista ecdótico –e, de modo xeral, filolóxico–". Aliás, sosteñen a Lei de símbolos da Galiza que en 1984 estabeleceu Os Pinos como himno da Galiza non semellaba ter "a pretensión de fixar un texto oficial canónico e definitivo" dado que, "como demostra a documentación previa", no trámite parlamentario "non se prestou unha atención especial aos problemas filolóxicos que tal pretensión puidese levantar". Con todo, proseguen, "os avances posteriores [tras catro décadas] no ámbito da crítica filolóxica e o diferente escenario de implantación da norma estándar do idioma galego fan aconsellábel unha revisión".

Engaden que o himno, dado que "é aprendido pola xeneralidade dos escolares galegos", debe ser considerado como un texto lingüisticamente "modélico", polo que a súa versión oficial debe afastarse "o menos posíbel das formas correntes no galego escrito actual. E a restitución da letra, ademais, "non substituiría un texto por outro", senón que o que se propón é "facer unha adaptación á vontade autorial de Pondal e á norma vixente", en varios aspectos gráficos e tamén "nalgúns aspectos de escolla entre variantes léxicas, de fonética similar, que non alteran a medida do verso".
 

Mudanzas que propón o Consello da Cultura

O CCG concorda, así, coa necesidade de transcribir o "no-nos" orixinal como "non nos", así como mudar o castelanismo "donde" por "onde". Para non alterar a medida do verso, porén, coincide en non empregar "deas" por "des" e acentualo –"dés"–. Mais, a diferenza do recolleito na ILP e do informe da RAG, no Consello da Cultura optan por considerar a posibilidade de substituír "edades" e "vaguedades" por "idades" e "vaguidades", e o mesmo acontece con "nazón" e "redenzón" por "nación" e redención", para adecuarse ao disposto no Dicionario da Real Academia Galega e non alterar a medida do verso esta mudanza.

A RAG e os promotores da ILP propuñan, aliás, mudar "chan" por "clan", suprimir o signo de interrogación inicial do himno, mudar "ronco" por "rouco" e tamén "iñorantes" por "ignorantes".