Cando o cambio de nome das cidades e vilas galegas decidíao un rei: Que foi de Erizana, Lazoiro ou Faro?
Este sábado entra en vigor a actualización dos topónimos de 12 concellos galegos e centos de lugares aprobada polo Goberno galego após a revisión da Academia Galega. Mais houbo un tempo en que eran os reis os que decidían sobre os nomes de vilas e cidades galegas. O nome actual de varias delas son denominacións impostas por Afonso VIII
O Consello da Xunta da Galiza acordou o pasado 30 de marzo o cambio de nome dunha ducia de municipios galegos tras a súa revisión por parte da Real Academia Galega (RAG), de 2.335 lugares e 182 parroquias. Unhas mudanzas que forman parte da última actualización do Nomenclátor da Galiza, ao que se incorporan tamén 1.655 nomes de lugares e que hoxe entra en vigor.
O Goberno galego acordou o cambio destes topónimos tras a súa revisión por parte da Real Academia Galega (RAG), tendo en conta diferentes criterios valorados por persoas expertas.
Mais houbo un tempo no que as mudanzas dos topónimos eran cuestión dunha única persoa. “Buscar na cartografía galega actual localidades como Erizana, Faro ou Lazoiro é unha tarefa complexa, pois hou-bo un rei que se encargou de borralas do mapa en sentido meta-fórico: Afonso VIII da Galiza, (Afonso IX na historiografía castelá)”. Así se afirma no ‘Seminario de Onomástica responde’, que se pode consultar na web da Toponimia da Galiza.
“O nome actual de varias cidades e vilas galegas importantes son denominacións impostas por este rei no momento en que lles concedeu o foro de poboamento: Baiona, cuxo nome antigo era Erizana, e Faro, actualmente A Coruña, son dous exemplos du-nha ampla relación na que tamén podemos incluír Salvaterra de Miño”, que se denominaba antes Lazoiro.
Gonzalo Navaza, membro de número da Real Academia Galega, explica nos capítulos da serie O Seminario de Onomástica res-ponde o que pasou con estes topónimos.
"Somos un pobo especialmente rico en canto a toponimia e microtoponimia" manifestaba Vicente Feixoo nunha entrevista en Nós Diario no ano 2020, coordinador de Galiza Nomeada, a plataforma de recollida de microtopónimos que lanzou a Real Academia Galega en 2019, e que até hoxe xa recolleu decenas de miles.