Alberto Pombo: "O profesorado deste país quere un modelo que teña unha implicación real de defensa da lingua galega"

Alberto Pombo, profesor de ensino medio na Coruña e promotor do programa de impulso do galego entre a mocidade 'Aquí tamén se fala'. (Foto: Nós Diario)

-Que hai que facer para garantir a presenza e o futuro do galego?

Como as tendencias son as que son e coñecémolas, o único que queda para as persoas que queremos unha transformación real da sociedade é comezar pequenos procesos revolucionarios, no noso caso concreto facémolo nun ambiente urbano, probablemente o instituto máis diverso -IES Rafael Dieste da Coruña- e con máis alumnado de orixe migrante de todo o país, 66%. 

O que hai que facer é pór a maquinaria en camiño para facer que esas rapazas encontren no galego un modelo de prestixio. O discurso tradicional derrotista que moitas veces temos asumido algúns axentes que traballamos polo galego desde logo non vai facer que se sume a rapazada. Nós traballamos dunha forma moi activa en crear lugares onde o galego sexa o modelo para a rapazada. A través da música, as redes sociais, de contacto con referentes culturais ou coa prensa que poidan dalgún modo ilusionalos. Todo son unha serie de clics para tentar levar os rapaces e as rapazas a traballar de forma activa, a seren conscientes e motores da transformación. 

-E cal é a transformación precisa para expandir o galego no futuro?

A transformación da sociedade pasa pola implicación activa precisamente da sociedade, e no noso caso a sociedade son rapaces de 12, 13 ou 14 anos que asumen ese traballo militante, ese traballo revolucionario. Eu cheguei hai tres anos ao IES Rafael Dieste, que tiña un rapaz galegofalante, e neste tempo houbo unha suba do 3.500%. Había un, son 600 alumnos, agora fálano 35 de forma habitual. Transformación houbo, agora ben, son moi consciente de que o que nós estamos facendo non vai provocar unha mudanza social, porque iso precisa de políticas activas. Aí é precisa unha transformación real da sociedade que vén dos estamentos políticos. 

A iniciativa 'Aquí tamén se fala' ten impacto nas vidas dos 20.000 participantes, mais non ten a capacidade por si soa de transformar a sociedade, para iso é necesario que haxa un cambio estrutural que rache cun modelo que evidencia fracaso. Son 40 anos de políticas lingüísticas que están a demostrar que cae o uso da lingua galega entre as camadas mais novas.

-É preciso derrogar o 'Decreto do plurilingüísmo'?

Rotundamente si, porque nunha situación de emerxencia lingüística coma a nosa, e ouvindo todo o que sabemos a respecto das linguas minorizadas, o propio feito de que haxa materias que teñan a prohibición de ser impartidas en lingua galega nun contexto como o noso, evidentemente é un decreto que non funciona. Temos xa unha perspectiva de tres lustros para poder analizar se os resultados foron positivos ou negativos e mesmo se o profesorado está contento con este modelo, e a resposta é transparente, evidente, rotunda e radical, e é que non, que os docentes deste país queremos unha transformación  e un modelo que teña unha implicación real de defensa da lingua galega e sobre todo en contextos como o noso onde o galego era algo que falaba un rapaz de 600, e que precisa de todo un movemento e unha maquinaria para poder xerar ilusión, iso debe de vir desde un cambio estrutural.