11 anos de loita dun veciño do Sisto polo recoñecemento do topónimo oficial e correcto
A Valedora do Pobo dirixiuse ao Concello para que este empregue o nome correcto da parroquia.
A Valedora do Pobo vén de emitir unha resolución dirixida ao Concello de Dozón (O Deza) na que fai un “recordatorio dos deberes legais” da entidade local para que remita ao Instituto Nacional de Estatística (INE) “antes de fin de ano a necesidade de axustar a toponimia do Sisto á súa única forma oficial en galego, coa antedita grafía”.
A resolución vén a pór o ramo á loita de máis dunha década dun veciño desta parroquia, Mario Vila, para que se recoñecese o topónimo correcto e en galego, O Sisto, e instar así o Concello a corrixir outros que usaba, como 'Sixto'.
“Horas era de que fose unha resolución acaída, non só para Dozón senón todos os concellos do noso país recibirán comunicación propia do INE para remitir a este a toponimia oficial e correcta, tal como determina a normativa galega”. Indica nun correo este veciño.
“No caso concreto de Dozón, obriga o alcalde no prazo de un mes, tal como lle comunica a representante da Valedora do Pobo, a achegar de xeito formal ao INE a nomenclatura correcta e lograr así facer cumprir a toponimia legal establecida neste ente”.
Ao longo desta máis dunha década, Mario Vila contactou na defensa do topónimo con diferentes entidades e institucións, desde o mencionado INE até a Real Academia Galega (RAG).
Segundo figura na web do propio Concello, a parroquia do Sisto é a de maior extensión de Dozón, así como a que conta con maior poboación, a cal está repartida nos lugares de Reboredo, Requeixo, Quella, Igrexa, Paredes, Pidre, Corredoira, Barrio, Sestos e Pereirón. Enmarcada nun val, atópase rodeada por montes como a Rocha ou o Alto do Santo Domingo, facendo que predominen as pradarías.