Novas voces e historias na literatura galega
Se botamos unha ollada aos andeis das librarías galegas, observamos infinidade de nomes que xa teñen un recuncho na nosa cabeza. As súas obras están consolidadas na sociedade, sen importar se as coñecemos por sermos amantes da literatura, por escoitalas na rúa ou por espertar algo no noso interior tras seren lectura obrigatoria nas aulas. Ora ben, entre eses nomes que tan ben coñecemos comezan a aparecer algúns novos. E baixo esas autorías agóchanse historias frescas, cun ollar propio que pode marcar unha nova xeración. Trátase da última vaga de autoras e autores que están a escribir os seus primeiros capítulos na historia da nosa literatura.
Para Ismael Ramos, escribir é unha práctica diaria. “Mentres o resto da xente debuxa cando chama por teléfono, eu escribo”, relata o autor natal de Mazaricos (O Xallas). Non foi até a adolescencia que viu a escritura como un posíbel camiño profesional e así poder publicar aquilo que creaba. Comezou gañando concursos literarios no instituto, o mesmo sistema que, anos despois, lle permitiría publicar a súa primeira escolma de poemas, Os fillos da fame. Foi co Premio de Poesía Johán Carballeira, do Concello de Bueu, en 2015.
A este libro seguírono Lumes (2017) e Lixeiro (2021), ambos os dous tamén no ámbito da poesía. Mentres escribía os seus libros, o nome de Ismael comezou a aparecer en diferentes antoloxías e obras colectivas. Hai dous anos, aventurouse coa rama da narrativa, escribindo A parte fácil, un libro de relatos.
Sara vila Alonso comezou dunha forma similar a súa andaina neste eido. “Sempre me gustou a literatura e escribir, por iso estudei Xornalismo. Durante moitos anos dediqueime a iso, traballando nun xornal, e foi na pandemia cando recuperei esa afección por escribir”, relata a escritora das Neves (O Condado).
Igual que Ismael, Sara entrou na literatura gañando premios. “Son moi importantes para os autores novos que non forman parte do circuíto das editoriais. É unha forma de que se coñeza a túa obra, pois ás veces enviar un orixinal é complicado, posto que se adoita perder entre as moreas de propostas que chegan todos os días a unha editorial”, comenta. A súa primeira novela, Oito días sen Eva Cortés, foi publicada en 2021 tras recibir o Premio de narrativa Illa Nova. Hai un ano publicou O Incendio, novela tamén galardoada, neste caso co Premio Blanco Amor.
Pola contra, Fabio Rivas tardou en ter un achegamento á literatura, mais lembra perfectamente como foi. “Na miña casa tiñamos os libros de Os Cinco, de Enid Blyton, e cando chegou o primeiro ordenador ao meu pai ocorréuselle cambiar o nome dos protagonistas polos dos cinco rapaces que viviamos no barrio. Si, o primeiro contacto coa literatura foi, dalgunha forma, a través do plaxio”, di,con retranca, o escritor pontevedrés. Así e todo, comezou a escribir como tal tras ler, grazas a unha profesora, O xogo da guerra, un relato escrito por Carlos Casares e incluído no seu primeiro libro, Vento Ferido. “Eu quería facer algo así e comecei a participar en certames”, apunta.
Tras anos gañando concursos de relatos, como o Premio de Relato Curto da Universidade de Vigo durante tres edicións consecutivas, Fabio decidiu publicar en 2023 o seu primeiro libro, A pintura debida. Trátase dunha obra composta por diferentes relatos enfiados entre si.
Desde sempre, Sica Romero (Carnota, comarca de Muros) atopou moito pracer no eido da lectura, mais a súa implicación nesta rama chegou dunha forma distinta ao que se pode esperar. “Con 17 e 18 anos formei parte dunha obra de teatro que se ía reescribindo segundo ensaiabamos”, conta. “Iso parecíame fermoso e impliqueime moito nela. Penso que en moitas ocasións, que a mocidade atope pracer no literario pode vir motivado desde lugares moi diversos”, conclúe. Para ela, non está de todo recoñecido o labor de moitos docentes que desenvolven proxectos deste tipo para o alumnado que non pode permitirse actividades extraescolares de pagamento.
Esta aproximación ao teatro permitiulle desenvolver anos despois Eu son Sira, o seu primeiro proxecto de obra longa. En 2022 Sica publicou a súa primeira novela, Avelaíñas eléctricas, na que trata temas tan antigos como a humanidade: o amor, a ética, a sexualidade ou a violencia, entre outros.
Se volvesen aos anos da mocidade, que lerían?
“Diario de dúas casas, de María Villamarín, porque eu fun un rapaz que vivín en varios sitios. Cando ía á casa dos meus avós sentía emocións que a autora reflicte no libro, sobre vivir nunha constante viaxe de ida e volta”, conta Ismael Ramos. En cambio, Fabio Rivas escolle Morning Star, de Xosé Miranda, ao ser “unha novela de aventuras e entretida”, perfecta para esas idades. Sara Vila Alonso opta por Non penses nun elefante rosa, de Antía Yáñez, posto que “axuda a entender o que lle pasa a unha persoa superada polas expectativas alleas e pola cultura do esforzo”. Sica Romero coincide coa súa compañeira de profesión escollendo esta mesma novela, ao “rachar con estereotipos e abordar con transparencia a saúde mental”, relata.