Xi e Putin reforzan lazos ante a tensión xeopolítica: "A situación volveuse cada vez máis turbulenta desde principios de ano"

Xi Jinping e Vladimir Putin, esta cuarta feira 4 de febreiro durante a videoconferencia. (Foto: Vyacheslav Prokofyev / Zuma Press / Contacto Photo)

Os presidentes da China e de Rusia, Xi Jinping e Vladimir Putin, amosaron esta cuarta feira a súa preocupación ante un mundo con aínda máis "turbulencias" desde que comezou 2026. Ademais, esta quinta feira expira o tratado nuclear entre o Kremlin e a Casa Branca. Ademais, Beijing e Moscova amosan a súa intención de seguir cooperando con Venezuela e Cuba. Nunha conversa, os dous líderes trataron estes e outros asuntos.

Os presidentes da China e de Rusia, Xi Jinping e Vladimir Putin, mantiveron esta cuarta feira unha reunión por videoconferencia na que apostaron por reforzar as súas "exemplares" relacións bilaterais, que segundo o mandatario chinés xa contan "cunha boa traxectoria" á espera da posta en marcha dun "gran plan de desenvolvemento".

"China e Rusia deberían traballar xuntas para manter a estabilidade estratéxica global, dado que a situación internacional volveuse cada vez máis turbulenta desde principios de ano", dixo Xi. Neste sentido, Putin encomiou os lazos entre as partes e expresou que a cooperación entre as dúas potencias supón un "factor de estabilidade ante as turbulencias globais". "Isto cumpre cos intereses fundamentais dos nosos países e pobos, ademais de mellorar o seu benestar", aseverou o mandatario.

"Como grandes países responsábeis e membros permanentes do Consello de Seguridade das Nacións Unidas, China e Rusia teñen a obrigación de animar a comunidade internacional a defender a equidade e a xustiza, salvagardar firmemente os resultados vitoriosos da Segunda Guerra Mundial, e defender resolutivamente o sistema internacional centrado na ONU e nas normas básicas do dereito internacional", acrecentou o chinés.

Ademais, Xi e Putin manifestáronse a favor de manter o nivel de cooperación alcanzado con Venezuela e Cuba. Así o comunicou o asesor presidencial ruso, Yuri Ushakov, tras finalizar a videoconferencia. "Os líderes compararon os seus enfoques sobre a situación ao redor de Venezuela e Cuba. Pronunciáronse a favor de manter o nivel de cooperación acumulado polos nosos países con Caracas e A Habana", declarou o representante do Kremlin.

30 anos de asociación

"China e Rusia deberían aumentar os intercambios de alto nivel e fortalecer a cooperación pragmática en diversos ámbitos", sinalou Xi sobre unha relación comercial que superou por terceiro ano os 200.000 millóns de dólares, segundo destacou o seu homólogo ruso na reunión.

Putin tamén destacou os acordos enerxéticos alcanzados coa China, que converten Moscova no principal provedor de enerxía do país asiático. "Rusia encabeza esta subministración nunha alianza enerxética que é beneficiosa para ambos e que é verdadeiramente estratéxica", dixo.

"Promovemos proxectos de alta tecnoloxía, entre outros, na industria e na investigación espacial", afirmou. "O volume do comercio de produtos agrícolas, segundo os nosos datos, creceu máis dun 20%", engadiu o ruso.

Xi lembrou que 2026 marca o 30 aniversario do estabelecemento da asociación estratéxica de coordinación China-Rusia e o 25 aniversario da sinatura do Tratado de Boa Veciñanza e Cooperación Amigábel. Neste sentido, afirmou que "ambos os países deben garantir que as relacións bilaterais sigan desenvolvéndose na dirección correcta mediante unha coordinación estratéxica máis profunda e unha asunción máis proactiva de responsabilidades dos principais países".

"Seguimos adiante co diálogo activo para lograr unha enerxía nuclear pacífica con axuda de novas tecnoloxías", expresou Putin sobre unha conversación que ten lugar despois da reunión do pasado domingo entre o ministro de Exteriores chino, Wang Yi, e o xefe do Consello de Seguridade ruso, Sergei Shoigu, en Beijing.

Esta quinta feira expira o START III

Mais a forza nuclear ofensiva tamén é un tema que está na axenda de Xi e Putin, en especial no relativo á expiración do tratado START III entre Rusia e os EUA, que deixa de ter efecto a partir desta quinta feira, o que provocará que as dúas principais potencias nucleares teñan vía libre por primeira desde o final da Guerra Fría para aumentar os arsenais atómicos.

O Kremlin reiterou durante as últimas semanas a súa disposición para estender o tratado e negociar un novo, un chamado que non foi atendido pola Casa Branca. "China tomou nota das suxestións construtivas feitas por Rusia respecto aos acordos de seguimento do New START [como tamén é coñecido o tratado] e espera que os Estados Unidos respondan positivamente e realmente salvagarden a estabilidade estratéxica global", aseverou esta terza feira o portavoz do Ministerio de Exteriores da China, Lin Jian.

Ademais, salientou que a posición da China sobre as conversacións trilaterais sobre o control de armas nucleares que involucran China, os EUA e Rusia "é clara". "As forzas nucleares da China e dos Estados Unidos non están en absoluto ao mesmo nivel, e esixir que a China se una ás negociacións de desarmamento nuclear nesta etapa non é xusto nin razoábel", acrecentou Jian.

Precisamente, Rusia confirmou esta cuarta feira os contactos con Francia, outra das potencias nucleares mundiais, nun intento bilateral por retomar relacións. "É certo que hai algúns contactos a nivel operativo, mais aínda non podemos dicir nada destacábel respecto diso", sinalou o portavoz do Kremlin, Dimitri Peskov. As palabras do ruso chegan logo de que o presidente galo, Emmanuel Macron, afirmara esta terza feira que hai "discusións técnicas" no seo da Unión Europea para reiniciar o contacto directo entre Moscova e a alianza comunitaria.