Xapón activa o aviso de tsunami por un sismo de magnitude 6,9

Mapa coas zonas afectadas pola alerta de tsunami emitida en Xapón esta segunda feira. (Foto: @EN_NERV)

O movemento de terra produciuse pouco despois das 21.19 horas (hora local), sen que rexistraran grandes danos materiais.

A Axencia Meteorolóxica do Xapón activou o aviso de posíbel tsunami en dúas prefectura s do sur do país tras un sismo de magnitude 6,9 na escala de Richter, sen que haxa constancia de posíbeis danos provocados polos tremores.

As persoas expertas situaron o epicentro do sismo fronte a costa da prefectura de Miyazaki, unha das dúas —xunto con Kochi— na que se activaron os avisos pola posíbel suba do nivel de auga.

Por outra parte, a axencia identificou a orixe do terremoto a uns 30 quilómetros de profundidade, mentres que a intensidade dos tremores non alcanzou o nivel 5 nunha escala entre 0 e 7.

O forte movemento de terra nesas localidades produciuse pouco despois das 21.19 horas (hora local), segundo a axencia. Posteriormente rexistrouse un tsunami de 20 centímetros que alcanzou a cidade de Miyazaki, segundo informou a emisora pública NHK, citada pola axencia de noticias Reuters. A cidade, a capital da prefectura, ten unha poboación de arredor de 400.000 persoas.

A central nuclear de Ikata, no oeste de Xapón, e a de Sendai, na prefectura de Kagoshima —ambas as dúas, as máis próximas ao epicentro do sismo—, non rexistraron anomalías, segundo informou tamén NHK.