Washington impulsa unha campaña de presión contra as leis de tecnoloxía de Bruxelas

Ursula von der Leyen e Donald Trump. (Foto: Fred Guerdin / EU Commission / dpa)
A Casa Branca rexeita que se regulen as actividades das súas empresas.

As críticas da Administración estadounidense contra a Lei de Servizos Dixitais da Unión Europea (UE) acaban de traducirse nunha “campaña de presión para construír unha oposición á norma”, reportou a quinta feira a axencia Reuters.

Unha orde datada o 4 de agosto e rubricada por Marco Rubio, secretario de Estado, instrúe o persoal diplomático do país norteamericano nos membros do bloque comunitario nesta liña, asegurando que Bruxelas aplica restricións “indebidas” á liberdade de expresión que a lei está a profundar.

Así e todo, o presidente da Comisión Federal de Comunicacións, Brendan Carr, xa apuntara outro motivo, o prexuízo para as empresas tecnolóxicas estadounidenses en relación á situación anterior, marcada pola falta de regulación.

O certo é que a lexislación comunitaria responsabilízaas da prevención de actividades ilegais nas súas plataformas, como a difusión de contido con abusos sexuais infantís, un campo no que están a “fechar os ollos”, denunciou antonte o organismo australiano de seguridade dixital. As sociedades que non cumpran coa norma poden afrontar multas de até 6% da súa facturación.

O memorando de Rubio ordena ás embaixadas que traten de acadar o apoio dos gobernos e “outras partes interesadas” para derrogar ou modificar a normativa.

A Comisión Europea xa incidira en que a norma non formaría parte das “negociacións comerciais” con Washington, entre especulacións sobre que podería demandar cambios na materia para reducir os aranceis aos bens de Bruxelas.

De forma paradoxal, a UE rexeitou gravar os servizos dixitais estadounidenses como parte das potenciais represalias polas súas taxas, sobre ás que se alcanzou un pacto aínda pendente de concretar.