Washington crea un grupo operativo para perseguir a "esquerda radical"
Donald Trump, presidente dos Estados Unidos, asinou na madrugada da sexta feira un memorando para crear un grupo operativo que integre distintas axencias co fin de combater o “terrorismo doméstico” e a “violencia organizada” de supostas entidades criminais de “esquerda radical”.
Entre estas agrupacións mencionou Antifa, que designou como un grupo terrorista interno esta semana aínda que non se trata dunha organización formal e estruturada.
A iniciativa, dedicada a combater a extrema dereita, está conformada por múltiples grupos descentralizados.
Esta medida será aplicada tamén por Hungría, confirmou onte o primeiro ministro do Goberno ultradereitista, Viktor Orbán, que fará o propio tamén con calquera grupo vinculado con Antifa. Ademais, instou a Unión Europea (UE) a dar o mesmo paso.
O inquilino da Casa Branca trata de relacionar os progresistas coa violencia política a raíz do asasinato do activista de extrema dereita Charlie Kirk, moi achegado a el, a pesar de que a investigación oficial aínda non foi quen de estabelecer ningún vínculo entre o sospeitoso e grupos de esquerda.
De feito, até o de agora os informes das distintas axencias federais colocaban o terrorismo de extrema dereita como o principal reto de seguridade a nivel local, despois de que se sucederan os atentados deste cariz na última década.
Entrementres, a represión contra os críticos de Trump segue a estenderse, logo de que a Fiscalía impulsara unha investigación contra o ex director da Oficina Federal de Investigación (FBI), James Comey, por suposto falso testemuño e obstrución á Xustiza. Comey terá que afrontar finalmente un xuízo, ratificou a Casa Branca e celebrou Trump.