PP, liberais, socialdemócratas e verdes únense na UE: Von der Leyen, reelixida

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, intervindo esta quinta feira ante o pleno da Eurocámara. (Foto: Philipp von Ditfurth / DPA vía Europa Press)
Cinco anos máis de Ursula Von der Leyen na Presidencia da Comisión Europea. 401 de 720 membros do Europarlamento deron esta quinta feira o seu apoio á candidatura da conservadora alemá e actual mandataria da Unión Europea, que no seu discurso fixo fincapé na defensa e competitividade como as prioridades da súa política.

Ursula von der Leyen foi reelecta esta quinta feira como presidenta da Comisión Europea con 401 votos, procedentes dos grupos conservador, socialdemócrata, liberal e verde, nunha Cámara onde a maioría absoluta está en 361 sufraxios. Tivo 281 votos en contra e 13 eurodeputados e eurodeputadas non votaron. Hai cinco anos Von de Leyen lograra o respaldo de 383 representantes.

Así pois, a candidata do Partido Popular Europeo e actual presidenta da Comisión afronta un segundo mandato con máis apoios dos  que reuniu para o primeiro. Dos tres representantes galegos na Eurocámara só Ana Miranda (BNG) non votou a alemá, que si tivo o apoio de Francisco Millán Mon (PP) e Nicolás González Casares (PSdeG).

O discurso no que Von der Leyen pediu o apoio do pleno para a súa reelección volveu situar como prioridades para os vindeiros cinco anos cuestións que xa marcaron o seu mandato pasado, como a defensa e a seguridade ou a man dura cara a Rusia, á que esta quinta feira acusou de intentos de desestabilización como as prácticas de "atraer migrantes de Iemen cara ao norte e lanzalos deliberadamente contra a fronteira finlandesa".

Defendeu a necesidade de promover un escudo europeo antiaéreo ou de triplicar a dotación do corpo europeo de fronteiras e gardacostas (Frontex) para asegurar até 30.000 axentes.

Vivenda e defensa

Tamén, facendo da necesidade virtude e en compensación ao apoio anunciado polo grupo socialdemócrata e os verdes, afirmou que, "por primeira vez, nomearei un comisario responsábel directo da Vivenda", recoñecendo que existe "unha crise da vivenda, "que afecta persoas de todas as idades e familias de todos os tamaños". O de Vivenda non será a única nova carteira no seu segundo mandato. Ursula Von der Leyen anunciou que tamén haberá carteiras de Defensa e de Mediterráneo.

Sobre esta última, afirmou a necesidade de lograr un "enfoque común" en materia de deportacións de persoas migrantes para que sexan "máis eficaces e dignas". Anunciou tamén un plan europeo de adaptación climática e unha estratexia europea de resiliencia da auga entre as prioridades políticas para o seu segundo mandato; así como loitar "con todas as forzas democráticas" contra a polarización e os extremismos que buscan "destruír" o estilo de vida europeo.

Durante a campaña das europeas, e mesmo despois das eleccións, a alemá non desbotou acordos e pactos coa extrema dereita para ter o seu apoio de cara a revalidar na Presidencia. Von der Layen tamén pediu acabar co "derrame de sangue na Faixa de Gaza", mais sen expor ningún tipo de sancións ou medidas contra Israel.

As respostas ao discurso de Von der Leyen xa indicaban o sentido de voto de cada grupo. Manfred Weber (da CSU alemá), xefe de filas do Partido Popular Europeo, puxo a candidata como sinónimo de "estabilidade" fronte a "Orbán ou Melenchon", que queren "dividir Europa". Iratxe García (PSOE), presidenta do grupo Socialistas e Demócratas, pediu firmeza ante o auxe da ultradereita e dixo que o apoio a Von der Leyen "está condicionado á obriga de ofrecer un proxecto de Europa que acabe coas desigualdades". No discurso da alemá apenas houbo mencións sobre desigualdade.

A coportavoz do grupo da Esquerda, Manon Aubry (Francia Insubmisa), ratificou o voto en contra do seu grupo a Von der Leyen, a quen demandou que "saia da súa torre de marfil e se enfronte á realidade".

A copresidenta dos Verdes, a alemá Terry Reintke, xustificou o si a Von der Leyen na necesidade dunha ampla fronte contra os ultras e na necesidade de avanzar "no pacto verde"  e medidas contra o cambio climático. Os tres grupos europarlamentarios da ultradereita, pola súa parte, pediron máis man dura contra a emigración.