[VÍDEO] Activistas polo medioambiente lanzan sopa de tomate sobre 'Os Xirasois' de Van Gogh

As activistas, despois de lanzar sopa de tomate contra o cadro. (Foto: Just Stop Oil)
As dúas rapazas xa foron detidas.

Dúas activistas da organización medioambientalista Just Stop Oil lanzaron sopa de tomate sobre o cadro ‘Os Xirasois’, do pintor Vicent Van Gogh, que se atopa na National Gallery de Londres.

Tal e como pode verse en numerosos vídeos en redes sociais, as dúas rapazas, que vestían senllas camisetas contra a extracción  de petróleo, achegáronse á obra de arte cunha lata de sopa de tomate na man, que abriron e posteriormente verteron enriba da pintura.

No vídeo tamén se ve como unha das activistas pregunta “que ten máis valor? A arte ou a vida? Vale máis que os alimentos ou a xustiza”. “Que che preocupa máis, a protección dun cadro ou a do noso planeta e as persoas? A crise polo encarecemento da vida é parte da crise enerxética. A gasolina é inaccesíbel para millóns de familias que pasan fame e frío e que non poden permitirse nin quentar unha lata de sopa”.

A policía da capital do Reino Unido confirmou a detención das dúas mozas, que xa pasaron a dependencias policiais.

Danos menores

Pola súa parte, a National Portrait Gallery emitiu un comunicado no que explicou que o marco do cadro sufriu danos menores, aínda que a pintura está intacta, xa que contaba cun cristal protector.

Neste sentido, a maioría das obras de grandes museos contan con pantallas de protección para evitar o deterioro provocada por elementos naturais ou, como neste caso, accións humanas.

Non é a primeira vez que esta asociación medioambientalista leva a cabo accións semellantes noutros museos do país. Precisamente en xuño deste ano, dous activistas pegaron as súas mans ao marco doutro cadro de Van Gogh na Galería Courtauld de Londres.