Viaxas en avión esta semana? Ollo ás cancelacións de voos nos aeroportos europeos
Aeroportos de Bruxelas, Londres e Berlín manteñen cancelacións e atrasos tras o ciberataque que afectou a Europa.
O aeroporto de Bruxelas continúa esta segunda feira con alteracións nos seus servizos debido ao ciberataque sufrido a pasada sexta feira, que tamén afectou as infraestruturas de Heathrow, en Londres, e de Berlín-Brandeburgo. Segundo informou o aeródromo de Zaventem-Bruxelas, para esta segunda feira prevese a cancelación de 40 voos de saída e 23 de chegada, despois de que o domingo se tivesen que anular 44 voos de saída e 28 de chegada.
O ataque informático afectou o provedor de servizos Collins Aerospace, filial do grupo estadounidense de defensa RTX (antiga Raytheon), especializado no procesamento de datos no sector aeronáutico. Como consecuencia, o sistema de facturación e embarque quedou inutilizado e as operacións están a realizarse manualmente, con papel, bolígrafo e portátiles, o que está a xerar longos atrasos.
A portavoz do aeroporto, Ihsane Chioua Lekhli, explicou á radiotelevisión pública RTBF que, mentres non se resolva a incidencia, os rexistros seguirán a facerse de maneira manual. Para reducir esperas, recoméndase aos pasaxeiros realizar a facturación en liña e imprimir as etiquetas das maletas no aeroporto. A dirección do aeródromo pide aos viaxeiros comprobar o estado dos seus voos antes de acudir ás instalacións e chegar con antelación: dúas horas para destinos Schengen e tres para voos internacionais.
A situación repercute tamén en Alemaña. No aeroporto de Berlín-Brandeburgo, esta segunda feira rexístranse demoras superiores á hora, malia que non houbo cancelacións masivas. As autoridades recoñecen que o tráfico extra polo maratón da cidade, que atraeu milleiros de persoas de máis de cen países, está a agravar os problemas. Os traballadores das liñas aéreas seguen a facer a facturación manual, aínda que funcionan sistemas de autoservizo sen incidencias.
Por agora, non hai previsión clara de cando quedará resolto o problema. O aeroporto de Bruxelas asegura que o provedor traballa de maneira intensiva para restaurar os servizos e evitar que a situación continúe provocando caos en varios dos principais aeroportos europeos.