Venezuela inicia accións legais contra El País

O vicepresidente venezolano, Nicolás Maduro, confirmou que emprenderán accións legais contra o xornal español pola publicación dunha fotografía falsa de Hugo Chávez moribundo.  "El País terá que pagar xudicialmente esta ofensa que se lle fixo ao pobo de Venezuela"

 

"Iso que fixo o periódico El País vaino pagar caro, porque nós imos demandar a El País e imos até o fondo, coas leis que haxa que utilizar, sexa aló, en España, ou na Conchinchina". Así de contundente se manifestou nunha entrevista televisada o vicepresidente venezolano, Nicolás Maduro, ao anunciar que o goberno emprenderá accións legais contra o xornal español após publicar este medio unha foto falsa do presidente bolivariano entubado e moribundo.

 "El País terá que pagar xudicialmente esta ofensa que se lle fixo ao pobo de Venezuela nun momento tan especial da nosa historia", insistiu Maduro. O xornal español, que levaba a foto falsa na portada, pediu desculpas aos seus lectores. Mais non "a Chavez, nin á súa familia nin aos venezolanos". 

Unanimidade no repudio

A Asemblea Nacional de Venezuela aprobou por unanimidade (cos votos tanto d@s deputad@s da formación de Chávez como da oposición) un acordo de repudio á publicación desa foto.