Venezuela eleva a 100 as mortes pola agresión dos Estados Unidos: "Até o de agora, e digo até o de agora, hai 100 falecidos"

Diosdado Cabello. (Foto: Rosme Guerra / PSUV)
"Non hai maneira de que iso poida ser tapado e hoxe o mundo está a descubrilo de maneira plena", agregou o ministro do Interior de Venezuela sobre as vítimas xeradas pola agresión dos Estados Unidos.

O ministro do Interior de Venezuela, Diosdado Cabello, elevou a polo menos cen as vítimas mortais derivadas do ataque efectuado o pasado sábado polo Exército dos Estados Unidos sobre Caracas e os seus arredores e no que secuestrou o presidente do país caribeño, Nicolás Maduro, e a súa muller, Cilia Flórez.

"Até o de agora, e digo até o de agora, hai 100 falecidos, 100 e outra cantidade parecida de feridos", declarou Cabello sobre as consecuencias do que cualificou como un ataque "terríbel e bárbaro contra o noso país", o que recoñeceu como "unha verdade que non vai tapar ninguén".

"Non hai maneira de que iso poida ser tapado e hoxe o mundo está a descubrilo de maneira plena", agregou o ministro do Interior de Venezuela sobre as vítimas xeradas pola agresión dos Estados Unidos. Ao respecto, a presidenta encargada do país, Delcy Rodríguez, decretou previamente sete días de loito polos persoas falecidas, ás que destacou como "mártires que deron a súa vida defendendo" Venezuela.

"Unha mensaxe aos nosos novos mártires, que deron a súa vida na defensa do noso país. Novos mártires, tomei a decisión de decretar un loirto de sete días en honra aos homes e mulleres que morreron, que ofrendaron a súa vida defendendo Venezuela, defendendo o presidente Nicolás Maduro", afirmou.

A mandataria sinalou nas mesmas declaracións que lle "perforou a alma ver as imaxes dos corpos, mais eu sei que eles se martirizaron polos valores supremos en defensa da súa patria".