Venezuela advirte as aeroliñas da perda dos seus dereitos por frear os voos

O presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, nunha imaxe difundida o 26 de agosto de 2025. (Foto: Goberno de Venezuela)
Mobilización masiva en defensa da soberanía no territorio venezolano.

Aeroliñas como Iberia, Air Europa, TAP ou Turkish Airlines teñen 48 horas para reactivar os seus voos a territorio venezolano ou ficarán sen os seus dereitos de tráfico, comunicoulles o Instituto Nacional de Aeronáutica Civil de Venezuela e reportaron a terza feira medios internacionais.

Estas empresas suspenderon as conexións con Caracas despois de que a pasada sexta feira a Autoridade Federal de Aviación dos Estados Unidos emitira unha advertencia na que insistía na “deterioración da situación de seguridade” e no “aumento da actividade militar en Venezuela ou os seus arredores”.

O anuncio supuña unha nova medida de presión para acabar co Goberno do progresista Nicolás Maduro, e, en última instancia, son precisamente os militares estadounidenses os que xeraron o escenario de inestabilidade actual na rexión, con máis de 80 asasinatos extraxudiciais de supostos narcotraficantes, acusacións da que non amosaron evidencias, no mar Caribe e no océano Pacífico nos últimos dous e meses e medio.

De feito, a páxina de seguimento FlightRadar24 constatou como múltiples avións militares dos Estados Unidos sobrevoaron a segunda feira o Caribe, pasando entre Venezuela e Curaçao, unha colonia neerlandesa, separadas por uns 65 km.

Horas antes da mobilización nacional impulsada a terza polo chavismo por todo o territorio do país en defensa da soberanía, Maduro ratificou que “fagan o que fagan, como o fagan, onde o fagan, non van poder con Venezuela, somos invencíbeis, non puideron nin poderán xamais coa nosa patria”.

Conversa Trump-Maduro

En paralelo, o mandatario estadounidense, Donald Trump, buscaría programar unha conversación telefónica con Maduro, indicou o portal Axios.