Unidas Podemos abstense no primeiro asalto, falido, da investidura de Sánchez
Durante todo a mañá as especulacións fervían no hemiciclo e nos corredores do Congreso. Membros destacados de UP afirmaban que o que lles pedía o corpo era votar en contra da investidura. Finalmente, o grupo parlamentar esquerdista decantouse por unha abstención táctica, cun obxectivo claro, que non morran as negociacions en curso para selar un goberno de coalición co PSOE, o principal obxectivo estratéxico da escadra morada desde o 28A.
Unidas Podemos debateu a fondo o seu sentido de voto e até o foi modificando ao longo da mañá, como proba o feito de que o sufraxio de Irene Montero, emitido telematicamente por volta das 9 horas, foi negativo. Isto significa que transitaron do rexeitamento a Sánchez á abstención na medida en que viron unha maior disposición de PSOE ao acordo. Sintomaticamente, a vicepresidenta en funcións, Carmen Calvo, deu a entender que non se opuñan a criar unha vicepresidencia precisamente para Montero.
Acompañaron na abstención a Unidas Podemos ERC, EH BIldu e PNV, imprescindíbeis apoios na operación que esta quinta feira podería selar a continuidade de Pedro Sánchez na Moncloa, sempre a condición de que nesa votación definitiva —en que xa non se esixe maioría absoluta e si máis votos a prol que en contra— a formación liderada por Pablo Iglesias vire a abstención de hoxe nun voto afirmativo.
Ao se ter votado por volta das 14 horas, xa fica estabelecido o momento en que se producirá a segunda, e definitiva, votación desta sesión de investidura. Será a quinta feira no mesmo horario, decorridas exactamente 48 horas despois da primeira chamada aos grupos parlamentares a emitiren o seu voto.
A votación final virá precedida dun micro-pleno en que as portavocías dos diferentes grupos parlamentares disporán de por volta de 5 minutos para defenderen as súas posicións e, eventualmente, as mudanzas no seu sentido de voto.
O voto de cada partido
En total, Sánchez contou con 124 apoios (123 do PSOE e o do PRC), lonxe dos 176 que precisaba para ser investido presidente pola vía máis rápida. En contra do candidato do PSOE votaron 170: os do PP (66); os de Ciudadanos (57); os de Vox (24) os de ERC (14, cun deputado cuxo voto non computa por estar na cadea), os de Junts per Catalunya (4, e con outros tres suspendidos); os de Coalición Canaria (2); os de Navarra Suma (2) e o de Irene Montero (que votou telematicamente antes de que Unidas Podemos decidise a abstención).
Abstivéronse 52 parlamentares: Unidas Podemos (41); PNV (6); Bildu (4) e Compromís (1).