"Aínda por riba non son nada discretos": a UCO sinala Cerdán e a súa familia como beneficiarios no 'caso Koldo'

Santos Cerdán á súa chegada ao Tribunal Supremo para declarar polo 'Caso Koldo'. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
A Garda Civil analiza os movementos económicos de Servinabar —da que Santos Cerdán posuía 45% das participacións— e a súa relación con Acciona e co ex asesor ministerial Koldo García, sinalado pola Fiscalía como unha peza central da trama. Para a UCO, existen indicios de que varios contratos de obra pública puideron ser adxudicados de forma irregular a cambio de comisións.

A Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil apunta nun novo informe remitido ao Tribunal Supremo que o ex secretario de Organización do PSOE Santos Cerdán e a súa "contorna familiar" se terían beneficiado economicamente da empresa Servinabar, unha das sociedades investigadas polos presuntos amaños de contratos públicos vinculados ao 'caso Koldo'. As vantaxes incluirían o cobro de nóminas, o pagamento de alugueres e o uso dunha tarxeta de crédito da compañía.

O documento analiza os movementos económicos de Servinabar —da que Cerdán posuía 45% das participacións— e a súa relación con Acciona e co ex asesor ministerial Koldo García, sinalado pola Fiscalía como unha peza central da trama. Para a UCO, existen indicios de que varios contratos de obra pública puideron ser adxudicados de forma irregular a cambio de comisións.

Nóminas sen actividade acreditada

A investigación destaca que a esposa de Cerdán, Francisca Muñoz, estivo contratada en 2018 pola cooperativa Noran, ligada ao socio do político navarro, Antxon Alonso, e ao propio Koldo. Percibiu 9.500 euros en cinco meses, sen que a Garda Civil atopara "actividade algunha" que xustificara ese traballo. Nunha nota manuscrita localizada nun rexistro, un dos investigados preguntaba: "Que facía? Traballo?".

A UCO tamén sinala que a irmá do ex dirixente socialista, Belén Cerdán, recibiu 22.324 euros en 2020 como administrativa de Servinabar. Posteriormente pasou a outra cooperativa, Erkolan, que tamén estaría sufragada pola mesma empresa. Nese período, os pagamentos de Servinabar a Erkolan disparáronse de 221 euros mensuais a arredor de 6.000.

O informe tamén recolle que o cuñado de Cerdán, Antonio Muñoz, recibiu máis de 53.000 euros entre 2019 e 2022 pola súa contratación en Servinabar. Após investigar correos electrónicos, a UCO indica que a súa incorporación estaría relacionada cunha obra de emerxencia no porto de Sevilla executada por Acciona, e que mesmo se tramitou un certificado do Ministerio de Transportes para permitir o seu desprazamento en plena pandemia.

Alugueres e mobles pagados por Servinabar

Ademais das nóminas, a empresa tería asumido o aluguer de dúas vivendas en Madrid que utilizou Santos Cerdán entre 2017 e 2019. O montante total ascendería a 62.840 euros, incluíndo tamén a compra de mobiliario por máis de 7.800 euros, segundo recolle a UCO.

Nun correo incorporado ao informe, El Corte Inglés reclamaba o pagamento de mobles encargados para a vivenda familiar do político navarro, reflectindo ademais comunicacións nas que directivos da empresa comentaban con ironía os gastos atribuídos á súa esposa. "A Paqui, que a coñecen todas as vendedoras de El Corte Inglés. Gastar e gastar", escribiu Antxon Alonso en mensaxes enviadas o 9 de setembro de 2021.

Gastos en restaurantes e viaxes con tarxeta da empresa

Segundo a UCO, tanto Cerdán como membros da súa familia empregaron unha tarxeta de crédito asociada a Servinabar até febreiro de 2024, un día antes da detención de Koldo. Os cargos ascenden a 33.574 euros, incluíndo pagamentos frecuentes en restaurantes de Madrid, así como gastos en Ibiza, Tenerife, Navarra, Dénia ou Sevilla.

Os investigadores conclúen que existe "indicio razoábel" de que a familia puido utilizar esa tarxeta para sufragar gastos persoais. "E restaurantes de fin de semana si [...]. Xa lles vale. Todo, do bo, o mellor. Iso non é plan. E aínda por riba non son nada discretos", resumiron Alonso e a súa muller nunha conversa en setembro de 2021.