Trump reproba o ataque de Israel a un xacemento de gas iraniano... mais ao mesmo tempo ameaza con "destruílo por completo"

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump. (Foto: Europa Press / Contacto / Joey Sussman)
Se Irán volve atacar instalacións enerxéticas en Qatar, dixo o presidente dos Estados Unidos, o seu Exército "destruirá por completo o campo de gas de South Pars cunha potencia sen precedentes para Irán".

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, desautorizou a última hora desta cuarta feira o ataque de Israel contra o maior xacemento de gas do mundo, o de South Pars, emprazado no suroeste do Irán. Porén, segundo as autoridades israelís, producírase co coñecemento e coa "coordinación" da Casa Branca. Mais Trump insiste agora en que "Israel non volverá atacar o campo de gas South Pars".

Porén, ao mesmo tempo, o dirixente estadounidense ameazou tamén con destruílo se Irán "volve atacar "un país inocente", despois de que o Goberno iraniano tomase represalias polo bombardeo israelí lanzando mísiles contra o complexo de gas natural licuado (GNL) de Nivel Lafan, en Qatar.

"Israel, enfurecido polo ocorrido en Oriente Próximo, arremeteu violentamente contra unha importante instalación coñecida como o xacemento de gas de South Pars, no Irán", explicou o inquilino da Casa Branca nunha publicación en redes sociais.

Ao fío desta cuestión, o magnate republicano asegurou que "Estados Unidos descoñecía por completo este ataque e Qatar non estaba involucrado de ningunha maneira, nin tiña idea de que ía ocorrer". "Lamentabelmente, Irán descoñecía isto, así como calquera outro dato relevante sobre o ataque a South Pars, e atacou inxustificadamente unha parte da planta de GNL de Qatar", indicou.

Tras iso, o inquilino da Casa Branca prometeu que "Israel non volverá atacar este campo de gas South Pars, de vital importancia e valor, a menos que Irán, imprudentemente, decida atacar un país inocente, neste caso Qatar".

"En tal caso, Estados Unidos, con ou sen a axuda ou o consentimento de Israel, destruirá por completo o campo de gas de South Pars cunha potencia sen precedentes para Irán", advertiu Trump, quen, aínda que mostrou a súa reticencia a "autorizar este nivel de violencia e destrución debido ás implicacións a longo prazo que terá para o futuro de Irán", aclarou que non dubidará se a planta de GNL de Qatar volve ser atacada.