Trump promete unha redución "case total" do imposto da renda cando entren en vigor os aranceis
O presidente de Estados Unidos, Donald Trump, prometeu que o imposto da renda quedará moi reducido, se non "completamente eliminado" cando entren en vigor os aranceis aos produtos estranxeiros que anunciou.
"Cando empecen os aranceis o imposto da renda de moita xente verase substancialmente reducido e mesmo completamente eliminado", asegurou Trump nunha mensaxe publicada na súa conta na rede social da súa propiedade Truth Social.
O dirixente estadounidense segurou que as máis beneficiadas serán as persoas que gañen menos de 200.000 dólares ao ano (ao redor de 175.000 euros).
Ademais, asegurou que "xa se están creando unha enorme cantidade de postos de traballo con novas plantas e fábricas en construción ou xa planificadas". "Será unha bonanza para Estados Unidos!!! O servizo de ingresos estranxeiros é unha realidade!!!", remachou.
Este novo organismo será o encargado de recadar os aranceis e outros ingresos procedentes do estranxeiro, unha competencia que até o de agora era do Departamento de Comercio, do Representante de Comercio de Estados Unidos e da Axencia de Protección de Aduanas e Fronteiras de Estados Unidos.