Trump ordena sancionar membros da Corte Penal Internacional e Israel aplaude a decisión: "Carece de lexitimidade"
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, asinou unha orde executiva para impor sancións a altos cargos e traballadores da Corte Penal Internacional (CPI) en represalia pola orde de detención contra o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, así como contra o seu anterior ministro de Defensa, Yoav Gallant.
"A CPI impuxo, sen fundamento lexítimo, a súa xurisdición sobre persoal dos Estados Unidos e algún dos seus aliados, iniciou investigacións a respecto diso, incluíndo a Israel, e abusou aínda máis do seu poder emitindo ordes de arresto infundadas contra o primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu e o ex ministro de Defensa Yoav Gallant", reza o texto.
O decreto afirma que "as recentes accións da CPI" contra Washington e o seu socio "sentan un perigoso precedente", xa que "poñen en perigo" o persoal estadounidense tanto activo como inactivo –incluíndo membros das Forzas Armadas– e exponlles a "fustrigación, abuso e posíbeis detencións".
"Esta conduta maligna ameaza á súa vez con infrinxir a soberanía dos EUA e socava o labor crítico do Goberno, así como dos nosos aliados, incluído Israel, en materia de seguridade nacional e política exterior". E lembra, tamén, que a CPI "non ten xurisdición sobre Estados Unidos ou Israel", xa que ningún dos países é parte do Estatuto de Roma. "Ambas as nacións son democracias prósperas con exércitos que se adhiren estritamente ás leis da guerra", resalta a orde executiva.
Por todos estes motivos, EUA imporá sancións como o bloqueo de bens e activos, así como a suspensión de entrada en Estados Unidos a altos cargos e traballadores da CPI, incluíndo tamén aos seus familiares inmediatos. As sancións imporanse a todo aquel que participe en "calquera esforzo da CPI para investigar, deter, reter ou procesar a unha persoa protexida sen o consentimento do país de nacionalidade desa persoa".
Resposta de Israel
Tras o anuncio de Trump, o ministro de Exteriores de Israel, Gideon Saar, aplaudiu esta sexta feira a decisión do presidente dos EUA de sancionar membros da CPI e colaboradores. "Aplaudo a Trump pola imposición de sancións contra a chamada Corte Penal Internacional, cuxas accións describe como inmorais e ilexítimas", aseverou Saar, que acusou a corte de "perseguir os líderes de Israel", un país que constitúe "a única democracia de Oriente Próximo".
O tribunal, dixo, "carece de lexitimidade". "Estados Unidos e Israel non forman parte do Estatuto de Roma e non son membros da CPI", lembrou o ministro, que insiste en que a corte "non ten xurisdición algunha".
Ordes de detención
O tribunal, que rexeitou os recursos previos de Israel e ditaminou que ten xurisdición sobre o caso, afirmou que hai probas de que tanto Netanyahu como Gallant buscaron a propósito deixar aos palestinos residentes en Gaza sen elementos "indispensábeis para a súa supervivencia", incluído o bloqueo á entrada de axuda humanitaria.
Pedimos aos 125 Estados asinantes, á sociedade civil e a todos os países que mostren unidade a favor da xustiza e os Dereitos Humanos
Os xuíces cren que poden ser "penalmente responsábeis" do uso da fame como método de guerra, así como doutros crimes como asasinatos, actos inhumanos e persecución, que entrarían dentro da categoría de crime contra a humanidade, aceptando así a petición do fiscal xefe, Karim Khan, para que se emitisen ordes de arresto na súa contra.
A decisión supón que os países membro do organismo deberían deter Netanyahu e Gallant no caso de que se despracen ao seu territorio, aínda que varios estados asinantes do Estatuto de Roma afirmaron xa que poderían non facelo, o que provocou críticas a nivel internacional.
Condena da CPI
Neste sentido, a Corte Penal Internacional reafirmou a súa posición nada máis coñecer a decisión de Donald Trump e reivindicou a súa loita a favor das vítimas de "atrocidades" en todo o mundo.
"Condenamos a firma da orde executiva que implica a imposición de sancións contra os membros da corte e dana un traballo xudicial independente e imparcial", indicou a corte nun comunicado no que reafirmou o seu "apoio firme" aos seus traballadores.
Neste sentido, o tribunal comprometeuse a "seguir loitando para que a xustiza e a esperanza cheguen a millóns de vítimas inocentes de atrocidades perpetradas en todo o mundo". "Pedimos aos 125 Estados asinantes, á sociedade civil e a todos os países que mostren unidade a favor da xustiza e os Dereitos Humanos", recolle o documento.