Trump busca intensificar o bloqueo sobre Cuba e sinala Marco Rubio como gobernador da illa
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, vén de intensificar o bloqueo do país norteamericano sobre Cuba, desta vez ameazando con cortar as subministracións provenientes de Venezuela á illa en forma de petróleo e divisas. Neste sentido, o estadounidense emprazou as autoridades cubanas a "chegar a un acordo" tras afirmar que despois do secuestro do presidente venezolano Nicolás Maduro "acabáronse" os envíos desde Caracas con destino á Habana.
Neste contexto, Trump compartiu un texto no que un usuario de redes sociais propón o actual secretario de Estado dos EUA, Marco Rubio, de orixe cubana, para gobernar Cuba. "Marco Rubio será presidente de Cuba", afirmou. "Sóame ben", respondeu o presidente dos EUA ao compartir esta publicación.
Con todo, as ameazas de intensificación do bloqueo sobre a economía cubana realizadas por Trump son a través do freo das exportacións venezolanas á illa. E, neste sentido, o Goberno do país caribeño emitiu un comunicado ratificando a súa "histórica" relación con Cuba.
"A República Bolivariana de Venezuela ratifica a súa postura histórica no marco das relacións coa República de Cuba, conforme á Carta das Nacións Unidas e o Dereito Internacional, e ao libre exercicio da autodeterminación e da soberanía nacional", apunto o ministro de Relacións Exteriores venezolano, Yván Gil.
Sen conversas
O presidente de Cuba, Miguel Díez-Canel, confirmou esta segunda feira que "non existen conversacións co Goberno dos EUA, salvo contactos técnicos no ámbito migratorio". Nun pronunciamento a través das redes sociais, o mandatario cubano insistiu en que as relacións bilaterais entre os dous países "deben basearse no Dereito Internacional no canto de na hostilidade, a ameaza e a coerción económica".
Nesa liña, destacou que o Goberno da illa sempre tivo "disposición a soster un diálogo serio e responsábel" coas distintas administracións dos EUA, incluída a actual, baixo os piares de "igualdade soberana, respecto mutuo, principios de Dereito Internacional e beneficio recíproco". Así, ademais de rexeitar a inxerencia en asuntos internos e avogar polo respecto á independencia de Cuba, Díaz-Canel mencionou as persoas migrantes cubanas residentes nos Estados Unidos, asegurando que a orixe e o extremo endurecemento do bloqueo non ten relación con elas. Deste modo, o cubano referiuse a estas persoas como "vítimas" do cambio nas políticas migratorias da Casa Branca e da "traizón dos políticos de Miami".
O papel de México
A presidenta de México, Claudia Sheinbaum, que mantivo esta segunda feira unha chamada telefónica con Trump, sinalou que aínda que non foi abordado o tema da subministración de petróleo a Cuba, si podería ser unha cuestión a tratar en próximas conversacións co estadounidense.
Sheinbaum, cuxo país é o principal exportador de cru a Cuba, sinalou que México podería converterse "nun vehículo" para mellorar a "comunicación entre os EUA e Cuba". Con todo, advertiu que esa ponte diplomática que prestaría o seu país debería ser primeiro aceptada tanto por ambas as partes.
Ademais, despois das recentes afirmacións de Trump sobre a posíbel intervención estadounidense contra o narcotráfico en solo mexicano, Sheinbaum afirmou que mantivo "unha moi boa conversación" co estadounidense, que se amosou "receptivo".