Trump anuncia unha tregua de dúas semanas co Irán após ameazar con aniquilar "toda unha civilización"

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, esta terza feira. (Foto: Li Rui / Xinhua News / ContactoPhoto)
O presidente dos Estados Unidos condiciona esta 'prórroga' a que Tehran reabra o estreito de Ormuz neste período.

A falta de pouco máis dunha hora para que expirase o último ultimato lanzado polos Estados Unidos ao Irán para que reabrise o estreito de Ormuz, e logo de que Donald Trump ameazase con aniquilar "toda unha civilización" se as autoridades iranianas non se pregaban ás súas esixencias, o mandatario anuncia agora unha tregua "de dúas semanas".

"Suxeito a que o Irán dea o seu visto e prace á apertura completa, inmediata e segura do estreito de Ormuz, estou de acordo en suspender o bombardeo e ataque contra Irán durante un período de dúas semanas", sinalou Trump, como é habitual, nunha mensaxe difundida na súa rede social, Truth.

O motivo da suspensión temporal deste ultimato, dixo, é que Estados Unidos xa cumpriu "todos os obxectivos militares", sen especificar cales, e que xa avanzou "nun acordo definitivo sobre a paz a longo prazo co Irán e en Oriente Medio" no que mediou Paquistán. "Recibimos unha proposta de dez puntos do Irán e cremos que é unha base viábel sobre a que negociar. Case todos os puntos de discordia do pasado foron acordados entre os Estados Unidos e o Irán, mais un período de dúas semanas permitirá que o acordo se ultime e consume. En nome dos Estados Unidos de América, como presidente, e tamén en representación dos países de Oriente Medio, é unha honra que este problema de longa data estea a piques de resolverse. Grazas pola súa atención a este asunto", engadiu.

A anterior ameaza do presidente estadounidense fixera saltar todas as alarmas e puxera sobre a mesa a posibilidade dun ataque con armas nucleares; un extremo, porén, que desmentiran desde a Casa Branca.

A agresión militar ao Irán e a escalada constante de Trump provocou un forte rexeitamento dentro do seu país, onde nas últimas horas de multiplicaron as voces que pedían un impeachment, especialmente desde as filas demócratas mais tamén desde o seu propio partido e entre os sectores máis radicais dos republicanos e do movemento MAGA.

Desde Tehran aseguran que o plan abordado cos Estados Unidos prevé o control iraniano do estreito de Ormuz, e confirman negociacións de paz en Paquistán a partir da vindeira sexta feira, 10 de abril. A súa vez, o citado decálogo de puntos pon o foco na retirada das forzas de combate estadounidense “de todas as bases e lugares de despregue da rexión”, o estabelecemento dun “protocolo de paso seguro” no estreito de Ormuz que “garanta o dominio iraniano de conformidade co protocolo acordado” ou o levantamento de “todas as sancións primarias e secundarias”.

Esta tregua das agresións, en palabras do primeiro ministro de Paquistán, Shehbaz Sharif —quen, horas antes do anunciou, solicitou ao presidente estadounidense que prorrogara o seu ultimato contra o Irán— constitúe un alto ao fogo inmediato en todo o territorio, incluíndo o Líbano e outros lugares. Porén, o primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, pronunciouse ao respecto matizando que o Líbano non está incluído, pondo así e dúbida o alcance da tregua.