Trump afirma que xestionará millóns de barrís de petróleo e Rodríguez asegura que "non hai axente externo que goberne Venezuela"

Delcy Rodríguez e Donald Trump. (Foto: Europa Press / Contacto / Li Muzi - White House / DPA)
Diante desta partida de xadrez ante un adversario poderoso e violento como os Estados Unidos, Delcy Rodríguez destacou que "Venezuela está actualmente nun camiño doloroso debido á agresión que sufriu".

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, asegurou que o Goberno de Venezuela, dirixido pola presidenta encargada, Delcy Rodríguez, permitirá aos EUA a xestión de "entre 30 e 50 millóns de barrís de petróleo sancionado". "Compráceme anunciar que as autoridades provisionais de Venezuela entregarán entre 30 e 50 millóns de barrís de petróleo de alta calidade, sancionado, aos Estados Unidos", sinalou.

Previamente, Rodríguez asegurou que o seu país non está a ser gobernado por ningún axente externo, o que contravén á súa vez as declaracións previas do mandatario estadounidense, nas que afirmou que os EUA agora mesmo controlan a nación caribeña. "O Goberno de Venezuela rexe no noso país; non hai axente externo que goberne Venezuela. É Venezuela, é o seu Goberno constitucional, é o poder popular consolidado", manifestou nun discurso televisado.

O inquilino da Casa Branca indicou que o cru que supostamente xestionarán os EUA "venderase ao seu prezo de mercado, e ese diñeiro será controlado por min, como presidente dos Estados Unidos, para garantir que se utilice en beneficio dos pobos de Venezuela e dos Estados Unidos". Ademais, sinalou que solicitou ao secretario de Enerxía, Chris Wright, que "execute este plan de inmediato".

O petróleo, agregou Trump, "transportarase en buques de almacenamento e levarase directamente aos peiraos de descarga dos Estados Unidos". O secretario de Enerxía dos Estados Unidos de América, pola súa parte, limitouse a responder en redes sociais X que Trump "ten toda a (súa) atención neste asunto".

Ademais, a Administración Trump, segundo fontes citadas pola cadea de televisión estadounidense ABC News, exixiu á presidenta encargada de Venezuela que rompa os seus lazos económicos coa China, Rusia, Irán e Cuba, e no seu lugar acepte exclusivamente aos Estados Unidos para os tratos que teñan a ver coa produción e coa exportación de petróleo.

Con todo, a presidenta encargada da República Bolivariana de Venezuela insistiu no dereito e na defensa da soberanía do pobo venezolano e, diante desta partida de xadrez ante un adversario poderoso e violento como os Estados Unidos, destacou que "Venezuela está actualmente nun camiño doloroso debido á agresión que sufriu".

Así mesmo, Rodríguez destacou que esta agresión se trata dunha acción "inédita" na historia local e a historia de América Latina. A pesar diso, sostivo, "o pobo venezolano está activo nas rúas, marchando as mulleres de Venezuela pola paz do noso país, pedindo a liberdade dos nosos heroes, o presidente Nicolás Maduro e a primeira dama, Cilia Flores".