Tres ex altos cargos de Ayuso (PP), imputados polas mortes nas residencias de maiores
Segunda causa aberta nunha semana por denegación discriminatoria de asistencia médica.
Pablo Busca, ex director xerente do Servizo de Urxencia Médica da Comunidade de Madrid e responsábel das ambulancias após o comezo da pandemia de Covid-19, a xeriatra de ligazón do hospital Severo Ochoa, cuxo nome non transcendeu, Carlos Mur, director naquela altura de coordinación sociosanitaria, e o seu substituto no cargo, Javier Martínez Peromino, terán que declarar o 3 de xuño no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución 6 de Leganés (Comunidade de Madrid) pola súa implicación na xestión da emerxencia sanitaria no territorio gobernado por Isabel Díaz Ayuso (Partido Popular, PP), informou a sexta feira Marea de Residencias.
En marzo e abril de 2020, 7.291 persoas morreron en residencias de maiores madrileñas sen ser derivadas a hospitais, algo causado polos protocolos emitidos polo Executivo de Ayuso, que limitaban en base á situación física e cognitiva das persoas usuarias o seu traslado a centros médicos no caso de padecer a doenza.
Despois de que o sistema xudicial rexeitara investigar de forma reiterada ao longo de cinco anos as denuncias das familias das vítimas, esta é a segunda causa xudicial que prospera pola presunta comisión dun delito de denegación discriminatoria da atención sanitaria, penado con até dous anos de prisión.
Na primeira causa, que transcendeu a pasada semana, xa foron imputados Mur e Peromino, que subscribiron os protocolos.
Ambos os dous foron chamados a declarar o 26 de maio polo Xulgado de Instrución 3 de Madrid, mais a declaración foi suspendida ao alegar os investigados que non lle enviaran as actuacións desenvoltas, polo que non tiñan opción de defenderse, ao que reaccionaron os equipos legais das vítimas incidindo en que se trata dunha “estratexia dilatoria”.
Outro dos imputados nesta causa, Antonio Burgueño, desempeñábase como asesor sanitario do Gabinete de Ayuso e deseñou o Plan de Choque contra a Covid-19 validado polo Goberno madrileño.
Posto que aínda non foi fixada unha nova data, de manterse a declaración do 3 de xuño na segunda causa será a primeira vez que ex altos cargos do Goberno territorial comparezan como imputados polo acontecido nas residencias de maiores.
Mur xa declarara noutras causas abertas polas mortes, finalmente arquivadas, testemuñando que a aplicación dos protocolos estaba en mans das e dos sanitarios e que buscaba con eles que tiveran algún criterio á hora de afrontar os altos índices de mortes na primeira etapa da pandemia.