Este é o texto completo da declaración para "unha paz e prosperidade duradeiras" en Oriente Medio
A Casa Branca fixo pública a declaración sobre o fin de hostilidades na Faixa de Gaza, que foi asinada esta segunda feira no cumio de paz polo presidente estadounidense, Donald Trump, así como polos seus homólogos de Exipto e Turquía, Abdulfatah al Sisi e Recep Tayyip Erdogan, e o emir de Catar, Tamim bin Hamad Al Thani.
O documento, denominado a 'Declaración de Trump para unha Paz e Prosperidade Duradeiras', indica o seguinte:
"Os abaixo asinantes acollemos con satisfacción o compromiso verdadeiramente histórico e a aplicación por todas as partes do Acordo de Paz de Trump, que pon fin a máis de dous anos de profundo sufrimento e perdas, e abre un novo capítulo para a rexión definido pola esperanza, a seguridade e unha visión compartida de paz e prosperidade.
Apoiamos e secundamos os sinceros esforzos do presidente Trump por pór fin á guerra en Gaza e levar unha paz duradeira a Oriente Medio. Xuntos, implementaremos este acordo de maneira que garanta a paz, a seguridade, a estabilidade e as oportunidades para todos os pobos da rexión, incluídos tanto palestinos como israelís.
Entendemos que a paz duradeira será aquela na que tanto palestinos como israelís poidan prosperar cos seus dereitos humanos fundamentais protexidos, a súa seguridade garantida e a súa dignidade respectada.
Afirmamos que o progreso significativo xorde a través da cooperación e o diálogo sostido, e que o fortalecemento dos lazos entre as nacións e os pobos serve aos intereses duradeiros da paz e a estabilidade rexional e mundial.
Recoñecemos o profundo significado histórico e espiritual desta rexión para as comunidades relixiosas cuxas raíces están entrelazadas coa terra da rexión, entre elas o cristianismo, o islam e o xudaísmo. O respecto por estas conexións sacras e a protección dos seus sitios patrimoniais seguirán sendo primordiais no noso compromiso coa coexistencia pacífica.
Estamos unidos na nosa determinación de desmantelar o extremismo e a radicalización en todas as súas formas. Ningunha sociedade pode prosperar cando a violencia e o racismo se normalizan, ou cando as ideoloxías radicais ameazan o tecido da vida civil. Comprometémonos a abordar as condicións que permiten o extremismo e a promover a educación, as oportunidades e o respecto mutuo como bases para unha paz duradeira.
Pola presente, comprometémonos a resolver as disputas futuras mediante o compromiso diplomático e a negociación, en lugar de recorrer á forza ou a conflitos prolongados. Recoñecemos que Oriente Medio non pode soportar un ciclo persistente de guerras prolongadas, negociacións estancadas ou a aplicación fragmentaria, incompleta ou selectiva dos termos negociados con éxito. As traxedias presenciadas nos últimos dous anos deben servir como un recordatorio urxente de que as xeracións futuras merecen algo mellor que os fracasos do pasado.
Buscamos a tolerancia, a dignidade e a igualdade de oportunidades para todas as persoas, garantindo que esta rexión sexa un lugar onde todos poidan perseguir as súas aspiracións en paz, seguridade e prosperidade económica, independentemente da súa raza, relixión ou etnia.
Perseguimos unha visión integral de paz, seguridade e prosperidade compartida na rexión, baseada nos principios do respecto mutuo e o destino común.
Con este espírito, acollemos con satisfacción os avances logrados no estabelecemento de acordos de paz integrais e duradeiros na Faixa de Gaza, así como a relación amigábel e mutuamente beneficiosa entre Israel e os seus veciños rexionais. Comprometémonos a traballar colectivamente para implementar e manter este legado, construíndo bases institucionais sobre as que as xeracións futuras poidan prosperar xuntas en paz.
Comprometémonos cun futuro de paz duradeira".