Un terremoto de magnitude 6,9 no centro de Filipinas provoca un mínimo de 69 mortes
As autoridades de Filipinas elevaron esta cuarta feira a 69 a cifra de persoas falecidas como consecuencia do sismo de magnitude 6,9 na escala Richter que sacudiu esta terza feira pola noite a rexión de Bisayas Centrais, no centro do país.
A Oficina de Defensa Civil (OCD) de Filipinas indicou que a gran maioría das vítimas mortais foron rexistradas no norte da provincia. "Estamos a recibir máis información, polo que a cifra podería aumentar", aseverou o portavoz da OCD Rafaelito Alejandro en declaracións á cadea de televisión ABS-CBN.
Así mesmo, explicou que os hospitais están sobrepasados ante o gran número de feridas que necesitan asistencia médica, especialmente na illa de Cebú, a máis afectada. En concreto, 30 persoas faleceron na cidade de Bogo, outras 22 en San Remegio, 10 en Medellín, cinco en Tobogon, e unha en Sugod e Tabuelan.
Pola súa parte, o presidente filipino, Ferdinand Marcos Jr, expresou as súas condolencias nun comunicado, no que instou a poboación a "manterse alerta e a seguir as recomendacións das autoridades locais". "Xuntos, axudaremos aos nosos concidadáns e reconstruiremos as comunidades afectadas", apuntou.
[EN AMPLIACIÓN]