Irán confirma o asasinato do aiatolá Ali Khamenei polos bombardeos dos EUA e Israel

Ali Khamenei
A televisión estatal iraniana confirmou o asasinato do aiatolá Ali Khamenei.

A televisión estatal iraniana confirmou na madrugada deste domingo, 1 de marzo, a morte do aiatolá Ali Khamenei, líder supremo do Irán, durante os ataques que forzas de Estados Unidos e Israel perpetraron contra o país persa. "Con gran tristeza e pesar informámoslles que, tras o brutal ataque do goberno criminal dos Estados Unidos e o malvado réxime sionista, (...) o Líder Supremo da Revolución Islámica, A súa Santidade o Aiatolá Ali Khamenei, foi martirizado", destacou nun comunicado tamén a axencia Tasnim.

Segundo deron a coñecer medios de comunicación, Khamenei faleceu na súa oficina situada na súa residencia mentres realizaba labores de traballo. O Goberno de Irán afirmou que este "gran crime" non quedará "impune" e sostivo que os responsábeis da súa morte "arrepentiranse dos seus actos". "O sangue puro deste distinguido líder fluirá como un manancial e erradicará a opresión e o crime sionista-estadounidense", sentenciaron.

As autoridades do país árabe mostraron as súas condolencias á "nobre nación iraniana" e, ademais dos 40 días de loito oficial, ditaminaron sete días festivos. Da mesma maneira, a Garda Revolucionaria de Irán prometeu exercer un "castigo severo, decisivo e lamentábel para os asasinos" do aiatolá e anunciaron que comezarán "en breve" a ofensiva "máis feroz" contra obxectivos de Israel e bases militares estadounidenses.

"Convidamos a todos os segmentos da sociedade para demostrar a súa cohesión e unidade nacional ao mundo e aos inimigos malvados e terroristas desta nación a través da súa presenza apaixonada e épica no ámbito da defensa nacional", indicaron nun comunicado recolleito por medios iranianos.