Suspenden o intento de arresto contra o presidente surcoreano tras un enfrontamento cos seus axentes

Investigadores da axencia estatal anticorrupción ingresan á residencia oficial do presidente Yoon Suk Yeol. (Foto: YNA / dpa)
A defensa de Yoon di que a execución da orde de detención é "ilegal".

As autoridades de Corea do Sur suspenderon esta sexta feira a execución da orde de arresto contra o presidente destituído, Yoon Suk Yeol, polo seu intento errado de instaurar a lei marcial, tras un enfrontamento de varias horas entre investigadores e o persoal de seguridade presidencial.

A axencia estatal anticorrupción informou de que detivo a execución da orde ás 13.30 horas (hora local, 5.30 horas na Galiza), aproximadamente cinco horas despois de que os seus investigadores chegasen á residencia presidencial para deter a Yoon. "Determinamos que a execución da orde de detención sería practicamente imposíbel debido á continua confrontación e suspendemos a execución por temor á seguridade do persoal no lugar debido á resistencia", reza un comunicado recollido pola axencia de noticias surcoreana Yonhap.

A CIO, que ten até a segunda feira, 6 de xaneiro, para executar a orde de detención, sinalou que ten previsto decidir os próximos pasos despois de analizar a situación e expresou o seu "profundo pesar polo comportamento" de Yoon, que se negou a cumprir cos procedementos legalmente estabelecidos.

Á primeira hora da mañá desta sexta, unha unidade militar que actualmente está a cargo da custodia da residencia oficial e cuxo control recae no Servizo Secreto bloqueou a entrada aos investigadores da axencia estatal anticorrupción. Posteriormente, enfrontáronse durante horas co servizo de seguridade presidencial.

Segundo fontes consultadas pola citada axencia de noticias, uns 200 axentes de seguridade estaban a crear un muro, facendo imposible a entrada. Ademais, había máis dunha decena de vehículos bloqueando o camiño. Houbo "pelexas físicas grandes e pequenas", polo que decidiron deter a operación por preocupacións de seguridade.

Oposición popular

Os investigadores ingresaran á residencia presidencial para executar a orde de detención contra Yoon, mentres que miles de simpatizantes do mandatario reuníronse nas proximidades do edificio para opoñerse á medida e bloquear o seu arresto. Os presentes coreaban "orde xudicial ilegal, completamente inválida" e "arresten ao CIO".

A Policía dixera que calquera que tentase impedir que os axentes executasen a orde de arresto serían detidos por cargos de obstrución de deberes oficiais. Con todo, un funcionario policial asegurou que ninguén foi detido por eses cargos durante a xornada.

Pola súa parte, o equipo legal de Yoon cualificou as ordes de "ilegais e inválidas" e presentou unha orde xudicial contra a súa execución. Con todo, o organismo solicitou dita orde despois de que o xefe de Estado ignorase as citacións ditadas para que comparecese pola súa actuación ao decretar a lei marcial o pasado 3 de decembro.