Siria, última traizón ao pobo kurdo
En 1919, reuníronse en París as potencias vencedoras da I Guerra Mundial para establecer as condicións da paz e deseñar un novo mapa político en Europa e no que fora o Imperio Otomán. Confiados nas promesas que lle foran feitas se se rebelaban contra os otománs, os kurdos presentaron en París o mapa do que debería ser o Estado kurdo. En 2020, o Tratado de Sèvres contempla, reducindo a extensión proposta, un Estado kurdo. Turquía non aceita, comezando a guerra de independencia baixo o liderado de Kemal Ataturk. Os Aliados recoñecen o Estado turco en 1923 no Tratado de Lausana eliminando definitivamente a creación dun Estado kurdo.
O terceiro pobo máis numeroso da Asia Occidental por tras de árabes e turcos, o maior pobo do mundo sen Estado propio, continúa hoxe dividido pola traizón das potencias aliadas dividindo e adxudicando a terra kurda a Turquía, Irán, Iraq e Siria. Desde o punto de vista colonialista a decisión tomada ten moita lóxica. Por que crear un Estado que por contar con abondosos recursos naturais podería converterse no máis poderoso do Oriente Medio? Cobre, cromo e ferro abundan no solo kurdo, unha zona con amplísimas áreas desérticas ten auga sen límites achegada polos ríos Éufrates e Tigris, en terra kurda están os xacementos petrolíferos dos que hoxe se extrae a meirande parte do petróleo iraquí e sirio. A maiores, a posición de ponte entre turcos, persas e árabes concederíalle unha transcendental posición xeostratéxica.
División
Ningún beneficio político, económico, administrativo ou cultural achegou a partición á poboación kurda. Polo contrario, aínda que en diferentes grados, convertéronse en cidadáns de segunda clase: menos dereitos civís, marxinación social, limitación ou mesmo prohibición da súa lingua e cultura e nalgúns casos, como en Turquía, unha criminal e obsesiva política represiva encamiñada a borrar a identidade colectiva.
Non se precisa mirar o pasado para ver como o pobo kurdo é usado reiteradamente para logo ser abandonado
A partición en catro estados dificultou e mesmo impediu continuar a loita unificada a prol dun Estado propio, como tamén non axudou a multiplicidade de partidos moi enfrontados entre si nin a tradición tribal aínda bastante presente na sociedade kurda. O obxectivo compartido, se ben non se renuncia a crear un futuro Estado kurdo unificado, transformouse na procura de ámbitos de autonomía cultural e política garantidos constitucionalmente, deixando temporalmente de lado as aspiracións independentistas. Con todo, mantense unha certa cooperación organizativa, política e militar en momentos clave. Así, por exemplo, as milicias kurdas iranianas apoiaron militarmente os peshmergas iraquís en numerosas ocasións de igual modo que os kurdos sirios contaron con apoio armado de milicias kurdas de Turquía e Iraq ata hai poucas semanas.
A última traizón
Non se precisa mirar o pasado para ver como o pobo kurdo é usado reiteradamente para logo ser abandonado. Os kurdos en Siria están establecidos en tres áreas (Rojava, Kobani e Afrin) nunha pequena franxa do nordeste lindeira coa fronteira turca. Historicamente ignorados, apátridas sen recoñecemento como cidadáns sirios ata 1962, viviron sempre relegados por Damasco amais de sufrir reiterados ataques do exército turco por considerar que daban soporte aos militantes kurdos do PKK. Nos últimos 15 anos foron un dique militar de contención dos avances do Estado Islámico grazas ao FDS, forza militar integrada maioritariamente por kurdos apoiada polos EUA e a Unión Europea. Isto permitiulles expandir enormemente a área de Rojava instaurando de facto un territorio autónomo autogobernado. Todo mudou co derrocamento de Bashir al Assad: os que eran terroristas islámicos pasaron a ser os salvadores de Iraq co apoio dos países que uns días antes os demonizaban ao tempo que abandonaban aos seus antigos aliados. Nun primeiro momento, en marzo de 2015, o novo presidente iraquí, Ahmed al-Sharaa e as FDS pactan un recoñecemento sen precedentes da identidade kurda. Hai uns días, o 30 de xaneiro, o Goberno impuxo aos kurdos un "acordo" que bota por terra o pacto de 2015 e pon fin a 14 anos de autonomía factual no Kurdistán sirio. Como concesión, recoñécense oficialmente a lingua e algunhas festas da cultura kurda, pero intégranse as milicias kurdas do FDS no exército sirio.
Execútase así a última traizón ao pobo kurdo: na guerra turco-persa, século XVIII, os otománs prometéranlles autonomía; na I Guerra Mundial, os Aliados prometéronlles un Estado propio; na guerra civil siria, garantíronlles a súa autonomía. A maldición kurda: "Se te teño visto, non me lembro".