Colombia propón mudar a sede da ONU a “un lugar neutral, non pode continuar en Nova York”

Gustavo Petro na ONU. (Foto: Europa Press / Contacto / William Volcov)

“A sede de Nacións Unidas non pode continuar en Nova York”, sinala o presidente colombiano Gustavo Petro.

O Goberno de Colombia propuxo recolocar a sede das Nacións Unidas nun lugar "neutral" en resposta á decisión do presidente estadounidense Donald Trump de retirar o visado ao presidente Gustavo Petro por unhas declaracións nas que instaba os soldados dese país a desobedecer as ordes do mandatario do Estados Unidos de América (EUA).

Estados Unidos revogou o visado de Petro polas súas palabras durante a protesta pro Palestina en Nova York, unha decisión que o presidente colombiano considera que “viola o dereito internacional”.

“Hai total inmunidade para os presidentes que asisten á Asemblea (Xeral das Nacións Unidas)”, dixo Petro na rede social X, ao voltar a Bogotá. “Que se me quite o visado por pedirlle ao Exército dos Estados Unidos e de Israel que non apoien un xenocidio, que é un crime contra a humanidade toda, demostra que o Goberno de Estados Unidos xa non cumpre co dereito internacional", remarcou o líder progresista.

“A sede de Nacións Unidas non pode continuar en Nova York”, enunciou o colombiano, “o señor Trump violou os principios fundadores da ONU. Hora de ir a un lugar máis democrático. Propoño Doha como sede das Nacións Unidas", formulou.

A protesta pro Palestina na que Petro participou decorreu mentres interviña na Asemblea Xeral da ONU o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu. O presidente colombiano propuxo configurar un Exército internacional ao servizo da humanidade e da paz “máis poderoso que os de Estados Unidos e Israel xuntos”, dixo cun megáfono ante os manifestantes.

O mandatario pediu ademais aos soldados estadounidenses “non apuntar contra a humanidade os seus fusís. Desobedezan a orde de Trump, obedezan a orde da humanidade".

Petro anunciou que Colombia presentará unha resolución ante a Asemblea Xeral para que se ordene á ONU configurar un Exército, para o que buscará apoio de máis países .

Petro, disposto a combater en Gaza pola liberación de Palestina

O presidente colombiano anunciou a creación dun rexistro de voluntarios en Colombia dispostos a participar nos combates en Gaza e animou outros Estados a sumarse a esta iniciativa. “Falarei en Colombia para abrir a lista de voluntarios colombianos e colombianas que queiran ir loitar pola liberación de Palestina”, declarou o mandatario. Petro afirmou que participaría persoalmente no combate se lle correspondese como presidente da República de Colombia. “Non me asusta, xa estiven noutros”, engadiu.