O Sindicato de Enfermaría denuncia a falta de protección das profesionais

Satse reclama para as profesionais da enfermaría equipos de prevención "suficientes". (Europa Press)

O Sindicato de Enfermería (Satse) está a presentar denuncias nas distintas Inspeccións de Traballo, Seguridade Social e de Servizos por "vulneracións" das Administracións sanitarias da normativa e protocolos para atención do coronavirus. Advirte do "grave risco" no que se está a poñer ás profesionais, ao non se lles facilitar os equipos de protección individual (EPI) necesarios para traballar de forma segura ao entrar en contacto con paciente.

Satse, "tras constatar numerosas situacións de falta do material de protección adecuado", está a dirixirse á Inspeccións de Traballo e Seguridade Social  a través das súas secretarías territoriais para reclamar que se investiguen os feitos denunciados en cada caso e que se adopten con urxencia as medidas pertinentes para garantir os dereitos dos equipos profesionais, así como do resto da poboación.

Nos seus escritos de denuncia, subliña que a falta do material de protección supón un "claro incumprimento" das normas ditadas até o momento polas Autoridades estatais e territoriais, así como un "grave atentado" contra o dereito á saúde e a integridade física e psíquica das profesionais e doutras persoas da súa contorna, como pacientes, familiares ou persoas do contorno laboral.

O sindicato avanza ademais que está estudandoa posibilidade de recorrer á Fiscalía para que investigue en cada territorio as posíbeis responsabilidades penais no caso de que o "grave problema da falta de material de protección" non se solucione de maneira inmediata.

A organización lembra que as profesionais sanitarias atenden todas as alertas de persoas con sospeita de infección pola COVID-19, xa sexa nos hospitais, en centros de saúde, noutros centros sanitarios e sociosanitarios e en domicilios particulares, polo que consideran que é "obrigatorio" que conten cos equipos de protección individual necesarios e suficientes a fin de mininizar "ao máximo" o risco para a súa saúde e de terceiras persoas en contacto e de evitar expandir o virus. 

Como advirte o sindicato, a falta deste material causou até o momento perto de 6.500 contaxios entre profesionais da sanidade a nivel estatal. Neste sentido, Satse reclama ao Ministerio de Sanidade que ofreza datos de contaxios por categorías profesionais, ao ter "fundadas sospeitas" que a maior parte de casos corresponden con prefesionais da enfermaría.

Como sinala, a porcentaxe de profesionais contaxiados (13%) supera aos casos de Italia (8%) ou da China (4%), o que, aos seus ollos, constata "unha menor protección e seguridade que noutros países tamén gravemente afectados pola pandemia".

Neste sentido, considera "absolutamente imprescindíbel" que se fagan as probas ao conxunto de profesionais da sanidade.