Sánchez e Pradales pactan crear un órgano bilateral Euskadi-Estado para xestionar os aeroportos vascos
O lehendakari, Imanol Pradales, e o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, pactaron esta sexta feira, 27 de marzo, crear un órgano bilateral Euskadi-Estado para a "colaboración, coordinación e xestión" dos tres aeroportos vascos. "Até hoxe, Euskadi non tiña nin voz nin voto en materia aeroportuaria. Con este acordo, Euskadi poderá empezar a participar na toma de decisións que afectan os aeroportos vascos", salientou Pradales após o seu encontro na Moncloa.
A creación deste órgano bilateral aeroportuario acordouse na terceira reunión da Comisión Bilateral de Cooperación decorrida esta sexta feira en Madrid e que presidiron ambos os presidentes. As dúas administracións fecharon outros seis acordos para o traspaso doutras tantas competencias das que Galiza aínda carece. O lehendakari espera, ademais, que a seguinte Comisión Bilateral, que sería a cuarta, decorra "preferentemente en xullo" e con "novos acordos de callado".
As novas competencias
Os outros seis acordos, consecuencia da proposta presentada por Pradales a Pedro Sánchez na reunión que mantiveron este 27 de marzo, inclúen un marco de cooperación financeira entre o Instituto de Crédito Oficial (ICO) e o Instituto Vasco de Finanzas para mellorar o acceso ao financiamento empresarial e apoiar proxectos de interese económico e social. Prevese para o seu desenvolvemento formalizar convenios antes do 30 de xuño deste ano. Con todo, fechouse un marco de cooperación financeira (Vascofin) entre ambos os gobernos para mellorar o acceso ao financiamento empresarial e apoiar proxectos de interese económico e social.
Entre as actuacións previstas atópanse liñas de financiamento conxunto, mellora de condicións de acceso a financiamento para pemes ou mecanismos de cofinanciamento de proxectos estratéxicos. Tamén se acordou o traspaso a Euskadi da xestión de subvencións á contratación de seguros agrarios combinados.
En materia de inspección pesqueira, acordouse o exercicio efectivo por parte de Euskadi das funcións de vixilancia, inspección e control en augas interiores e exteriores, tanto en pesca comercial como recreativa. E en canto a tráfico e permisos de condución, traspásanse a Euskadi a competencia sobre os centros de recoñecemento médico e reeducación viaria.