Rusia anuncia que rexistrou a primeira vacina contra a Covid
Putin detallou que a súa propia filla vacinouse e confiou en que a produción en masa empece axiña para que chegue a todos os rusos.
O presidente de Rusia, Vladimir Putin, anunciou esta terza feira que o seu país logrou ser o primeiro no mundo en rexistrar unha vacina contra o coronavirus.
“Esta mañá rexistrouse, por primeira vez no mundo, unha vacina contra o novo coronavirus”, asegurou o xefe do Kremlin nunha reunión co Gabinete de Ministros.
Segundo o mandatario, a vacina rusa é “eficaz”, superou todas as probas necesarias e permite lograr unha “inmunidade estábel” ante a Covid-19.
Putin detallou que a súa propia filla vacinouse e confiou en que a produción en masa empece axiña para que chegue a todos os rusos.
A semana pasada, o Kremlin apuntou a outubro como posíbel data de inicio da campaña de vacinación contra o coronavirus.
Horas antes, o xefe de Epidemiología do Ministerio de Sanidade, Nikolai Briko, indicara que “non hai motivos” para pospoñer o rexistro da vacina contra o coronavirus desenvolta polo centro de investigación N. F. Gamaleya.
Rusia contabilizou nas últimas horas menos de 5.000 novos casos de coronavirus nun día, sendo a primeira vez que baixa desa cifra desde finais do mes de abril, segundo informou o centro dedicado a seguir a evolución da pandemia no país.