Que implica a extinción do tratado START III o 5 de febreiro? Que países teñen armas nucleares e cantas oxivas posúe cada un?
Menos dunha semana, é o tempo que queda para que, o 5 de febreiro, teña lugar a expiración do START III, o tratado asinado en 2010 polos naquela altura presidentes de Rusia e dos EUA, Dmitrii Medveded e Barack Obama, para a redución de armas nucleares ofensivas estratéxicas.
O pacto tamén coñecido como New START, o último vixente entre as partes en materia nuclear, non limitou o número de oxivas almacenadas das dúas principais potencias nucleares do mundo, mais si estabeleceu unha redución dos lanzamísiles estratéxicos. Neste sentido, supón unha limitación dos arsenais despregados até 1.550 oxivas nucleares; 700 mísiles intercontinentais balísticos, mísiles balísticos en submarinos e bombardeiros pesados, así como até 800 sistemas despregados ou non despregados dispostos para o lanzamento deste tipo de mísiles.
Ademais, o tratado permite monitorizar por satélite e de forma remota, así como a través da realización de 18 inspeccións in situ ao ano, o cumprimento dos límites. O pacto entrou en vigor por dez anos o 5 de febreiro de 2011 e as partes tiveron un período de sete anos para reducir as súas capacidades estratéxicas até cumprir coas limitacións. En 2021, como xa estaba contemplado, introduciuse unha prórroga de cinco anos e, agora, queda menos dunha semana para que o tratado expire.
A pesar da importancia dun tratado deste tipo entre as dúas maiores potencias nucleares para a seguridade mundial, o 9 de febreiro de 2017, na primeira chamada telefónica do presidente estadounidense Donald Trump co seu homólogo Vladimir Putin, o ruso preguntou sobre a prórroga do New START, que o norteamericano desestimou como demasiado favorábel para Rusia e "un de varios malos acordos negociados pola Administración Obama".
Porén, o 20 de xaneiro de 2021, coincidindo coa investidura de Joe Biden como presidente dos EUA, Rusia instou a nova Administración a adoptar "un enfoque máis construtivo" sobre a renovación do tratado. E así foi, o 26 de xaneiro, só seis días despois, Putin e Biden acordaron a prórroga do START III cinco anos máis.
En 2023, no marco de novos desenvolvementos de tecnoloxía e novas probas nucleares dos Estados Unidos, así como da guerra de Ucraína, Putin anunciou a suspensión parcial da participación de Rusia no tratado. Isto implicou que os EUA, e polo tanto a OTAN, deixaron de poder realizar inspeccións in situ e polo tanto de ter acceso ás bases militares rusas. Con todo, o acordo segue hoxe vixente e, polo tanto, a limitación e o controis por satélite e forma remota.
Algo que deixaría de ter efecto a partir deste 5 de febreiro, as dúas maiores potencias nucleares do mundo terían vía libre para despregar máis sistemas ofensivos con capacidade nuclear ao redor do globo, o que implicaría ademais unha carreira militar con derivadas en terceiras partes, a redución dos controis e, en definitiva, un mundo máis inseguro.
Dimitri Peskov, portavoz do Goberno ruso, advertiu esta quinta feira de que Moscova segue á espera dunha resposta dos EUA a respecto da súa iniciativa para asinar un acordo en substitución do START III. "A postura do Kremlin é ben coñecida e coherente. Si, seguimos esperando, mais o prazo está a esgotarse. Non houbo resposta dos Estados Unidos", declarou.
A posición da China, de Francia e do Reino Unido
Durante os 15 anos de vixencia do New START, a China para os EUA, e Francia e o Reino Unido para Rusia, foron a fonte das preocupacións por cada unha das potencias á contraparte. Moscova sempre perseguiu a entrada dos dous país europeos no tratado, o mesmo que intentaron os EUA co caso de Beijing.
Rusia quere que entren Francia e Reino Unido nun novo tratado, os EUA buscan incluír a China
Neste sentido, a China considera que non sería xusto verse obrigada a asinar un acordo de non proliferación nuclear nos mesmos termos que os EUA e Rusia, posto que, a pesar de ser actualmente unha das principais potencias mundiais, en termos nucleares, o seu arsenal é moito máis pequeno e veríase no risco de verse por baixo dos Estados Unidos no equilibrio de disuasión mutua. As preocupacións de Francia e do Reino Unido son similares, polo que só un tratado con límites flexíbeis para estas tres partes podería facer que un novo acordo incluíse Beijin, París e Londres.
Sen tratado de mísiles de alcance intermedio
O New START é o último tratado nuclear en vigor entre os EUA e Rusia ante a pasividade dun Trump que xa cometeu hai sete anos un importante acto contra a seguridade en Europa. Así, o 1 de febreiro de 2019 anunciou que o día seguinte abandonaría o a Tratado INF (sobre forzas nucleares de rango intermedio), neste caso de forma completa, polo suposto incumprimento por parte de Rusia. A resposta rusa foi inmediata e o mesmo día 2 de febreiro anunciou que tamén o abandonaba.
Tres semanas despois da suspensión do tratado, o 1 de agosto de 2019, os EUA realizaron probas con mísiles antes prohibidas polo acordo, unha dinámica que causou as protestas que foron parte da motivación rusa para a suspensión parcial do START III.
Ademais, a espiral xerada por Trump coa saída do INF xerou unha situación de inseguridade moi grande en Europa posto que este tratado, asinado en 1987 polo ruso Mijaíl Gorbachov e o estadounidense Ronald Reagan, prohibía posuír, producir ou probar en voo mísiles balísticos e de cruceiro lanzados desde terra con alcances entre 500 e 5.500 quilómetros. Isto implica que Trump escolleu a proliferación nuclear con este tipo de mísiles a custa da seguridade dos seus aliados da OTAN que se encontran no rango das forzas intermedias de Rusia.
Nove países teñen arsenal nuclear, Israel o único sen recoñecemento
Rusia é a primeira potencia nuclear do mundo, con 5.580 oxivas, seguida moi de perto polos Estados Unidos, con 5.225, segundo os cálculos da Arms Control Association na súa actualización do 7 de setembro de 2024. Ademais, tamén teñen forza nuclear a China (600 oxivas) Francia (290), o Reino Unido e Irlanda Norte (225), a India (172), Paquistán (170), Israel (90, mais sen recoñecer oficialmente o arsenal) e Corea do Norte (50 oxivas). Deste grupo, o Tratado de Non Proliferación Nuclear (NPT) recoñece formalmente cinco (Rusia, EUA, China, Francia e Reino Unido), que son tamén os membros permanentes do Consello de Seguridade das Nacións Unidas, como Estados nuclearmente armados. O NPT restrinxe a posesión de armas nucleares e forma parte dos esforzos da comunidade internacional para impedir la proliferación nuclear. Alén de India, Paquistán e Israel (Corea do Norte retirouse), tampouco foi asinado por Sudán do Sur.
Irán está entre os asinantes do tratado de non proliferación
De forma paradoxal, mentres Israel (rival de Irán en Oriente Medio) desenvolveu un programa nuclear ofensivo sen recoñecelo oficialmente, Irán está dentro do tratado de proliferación, polo que se compromete a non desenvolver armas nucleares, o cal está ratificado por organismos internacionais. Aínda así, o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, abandonou o acordo sobre o programa nuclear de Irán en 2018 e, agora, no seu segundo mandato, pretende restrinxir baixo ameaza da agresión militar a soberanía iraniana até o punto de non permitirlle que teña un programa nuclear civil, non ofensivo.