O PSOE recupera intención de voto en xaneiro mais ve recortada a súa vantaxe sobre o Partido Popular a 8,7 puntos

Gráfico con estimación de voto para as eleccións estatais segundo o barómetro do CIS de xaneiro. (Fonte: CIS / Gráfico: Europa Press)

O bloque PP-Vox volve superar en estimación de voto os partidos do Goberno de coalición.

O Barómetro de xaneiro do Centro de Investigaciones Sociolóxicas (CIS) sitúa de novo en cabeza o PSOE, que recupera tres décimas até o 31,7% de estimación de voto. Porén, a súa vantaxe redúcese a 8,7 puntos porque o PP medra algo máis e acada o 23%.

Trátase da primeira enquisa tras as eleccións de Estremadura —nas que o PSOE sufriu unha derrota histórica— e realizouse en pleno debate sobre o financiamento autonómico pactado con ERC. As 4.006 entrevistas da enquisa realizáronse entre o 5 e o 10 de xaneiro.

Na intención directa de voto, o PSOE mantense como a primeira forza (23,2%), por diante do PP (15,9%) e de Vox (13,8%). Aplicando a fórmula de estimación do CIS, deseñada polo seu presidente José Félix Tezanos xunto con Antonio Alaminos, a formación socialista sobe lixeiramente respecto a decembro, aínda que queda por baixo do pico de outubro (34,8%) e igualan o resultado das estatais de 2023.

O PP incrementa a súa estimación de voto en algo máis de medio punto fronte ao mes anterior, pero continúa lonxe do 33,05% co que gañou as eleccións de 2023. Ao medrar máis que o PSOE, a distancia entre ambas as formacións estréitase.

Vox resiste e Sumar e Podemos retroceden

Vox conserva a terceira posición cun 17,7%, unha décima máis que en decembro e cinco puntos por riba do seu resultado de xullo de 2023. Pola súa banda, Se Acabó la Fiesta (SALF) retrocede ao 1,8% tras marcar récord o mes pasado (2,4%).

Sumar cae até o 7,2% (seis décimas menos), moi por baixo do 12,3% das últimas estatais, mentres Podemos baixa ao 3,5%, o seu peor dato do último ano.

Por bloques, a suma de PP e Vox volve superar a de PSOE e Sumar: 40,7% fronte ao 38,9%.

Nas formacións nacionalistas, ERC supera con claridade a Junts (2,6% fronte ao 1%). EH Bildu aparece por diante do PNV (1,5% fronte ao 1%), e o BNG rexistra unha intención de voto do 0,9%.

Valoración de liderados

Na valoración de líderes, Pedro Sánchez continúa en cabeza cunha nota media de 4,13 puntos, por diante de Yolanda Díaz (3,94) e de Alberto Núñez Feixoo (3,54). Santiago Abascal fecha a lista cun 3,01.

Sánchez tamén repite como o preferido para presidir o Goberno (24,5%), seguido de Abascal (10,4%) e Feixoo (9,7%). En termos de confianza, o líder socialista conta co apoio do 28,7% das persoas enquisadas, aínda que o 70,2% di confiar pouco ou nada nel; Feixoo presenta cifras peores, cun 81,8% de desconfianza fronte ao 16,6% que lle expresa bastante ou moita confianza.

Como é habitual nos barómetros do CIS, entre os entrevistados hai máis votantes socialistas de 2023 que do PP, malia que o resultado electoral final daqueles comicios foi favorábel aos populares.