O primeiro ministro británico cesa o seu embaixador nos EUA polos seus vínculos con Jeffrey Epstein
O primeiro ministro do Reino Unido, Keir Starmer, ordenou esta quinta feira o cesamento do embaixador británico nos EUA, Peter Mandelson, a raíz da publicación de documentos que dan conta da súa estreita relación co magnate e pederasta Jeffrey Esptein, vinculado co tráfico de menores.
Un día despois de reiterar na Cámara dos Comúns a súa "plena confianza" en Mandelson, o xefe do Goberno pediu finalmente á ministra de Exteriores, Yvette Coopeer, que o aparte do seu posto, a raíz da "información adicional" que saíu á luz.
"Os correos electrónicos mostran que a intensidade e amplitude da relación de Peter Mandelson con Jeffrey Epstein é substancialmente diferente da que se sabía no momento da súa designación", reza unha nota difundida pola propia Embaixada, segundo a cadea BBC.
En particular, Starmer recrimina ao embaixador declaracións como que a primeira condena contra o magnate "foi un erro". "En vista de todo isto, e tendo en conta as vítimas dos delitos de Epstein, [Mandelson] foi apartado como embaixador con efecto inmediato", confirmou.
A oposición intensificara nas últimas horas a presión sobre o Goberno británico a raíz de que Mandelson aparecera entre as persoas que felicitaron o aniversario a Epstein en 2003, cunha mensaxe na que o describía como o seu "mellor colega".
O embaixador cualificou de "moi vergoñentas" estas palabras, aínda que defendeu que "nunca" presenciou nin sospeitou de ningunha "actividade criminal" por parte do empresario, que se suicidou en agosto de 2019 nunha cela en Nova York mentres agardaba a ser xulgado por tráfico sexual tras abusar durante décadas de centos de menores.