O PNV celebra 130 anos reclamando máis competencias e abre a porta a pactar con Bildu un novo status para Euskadi
O dirixente do PNV, Aitor Esteban, chama a dar “un gran salto co novo status” e o lehendakari, Imanol Pradales, solicita máis competencias para Euskadi. Condenaron ademais o xenocidio en Gaza. A deputada do BNG Montse Prado, afirmou desde Euskadi que o nacionalismo galego aposta por que as forzas soberanistas manteñan "unha folla de ruta compartida" ante "o proceso de españolización".
O Partido Nacionalista Vasco (PNV) celebrou este domingo 28 de setembro o seu 130 aniversario, o primeiro Alderdi Eguna (Día do Partido) con Aitor Esteban como dirixente da formación -deixou en febreiro o seu escano no Congreso español para presidir o Euzkadi Buru Batzar (EBB), o órgano executivo do PNV-. Baixo o lema Batzen gaituzten hariak (Os fíos que nos unen), Campas de Foronda de Vitoria-Gasteiz congregou, como é habitual, milleiros de militantes e simpatizantes nunha xornada que os jeltzales esperaban que fose "redonda", tal como afirmou Esteban a través das redes sociais.
O líder da formación, xunto ao lehendakari, Imanol Pradales, interviron precisamente nun escenario por primeira vez “redondo”, colocado no centro dos 400.000 metros cadrados que ocupa o festexo. Precisamente, desde ese centro, ambos reivindicaron "o centro", e o PNV como partido que foi e será "central" na construción de Euskadi.
No seu discurso, Esteban destacou que o PNV representa algo estrutural, non unha moda, "como foi Podemos, Ciudadanos ou hoxe parece que o é Vox no Estado español".
Esteban marcou diferenzas con EH Bildu, maiormente en materia fiscal, de infraestruturas, sanidade, seguridade e política exterior; mais abriu a porta a negociar un novo status político para Euskadi coa coalición abertzale: "Podemos chegar a un acordo? Quizais no salto cara a un novo status político". O PNV prometeu facer todo o posíbel para lograr este status, aínda que recoñeceu que a inestabilidade política no Estado español dificultarao.
“Afortunadamente, o clima político non ten nada que ver co de España, pero desde hai tempo, sopra un vento do sur que trae os malos cheiros de Madrid á nosa sociedade”, dixo Esteban en referencia ao secretario xeral do PP español, Miguel Tellado.
Xestión da migración
O lehendakari vasco Imanol Pradales afirmou que é mellor mirar a Euskadi antes que ao Estado, en primeiro lugar, para coidar da xente en materia de saúde, incendios e seguridade; e mostrou o seu desexo de fortalecer o autogoberno.
Solicitou as competencias incluídas no Estatuto de Gernika e, ademais, novas competencias: “Somos parte de Europa e queremos sentar nas mesas onde se toman as decisións que nos afectan. Euskadi debe responder a retos globais, como o da migración”, dixo, recordando que en 1979 vivían en Euskadi 10.000 persoas estranxeiras e agora 300.000. Ao tempo, o presidente vasco expresou o seu orgullo por ser fillo de migrantes chegados desde Burgos, asegurando que Euskadi terá as portas abertas a quen o necesite, "sempre que respecten e observen as normas".
“Tan importante como protexer, é tamén renovar e ampliar a casa vasca. E iso pasa por fortalecer o noso Autogoberno. O ano pasado díxeno aquí publicamente. ‘O Pacto para cumprir o Estatuto de Gernika obriga e Moncloa sábeo’. E vou lembrar o que algúns queren esquecer. As competencias pendentes pertencen, por Lei e referendo, ao pobo vasco desde 1979. Exiximos o que é noso. Si, é certo que este ano avanzamos. Temos máis competencias: Xestión de litoral, Cinematografía, Meteoroloxía, Salvamento marítimo, Autorizacións de traballo para estranxeiros, Prestacións non contributivas, Seguro escolar, Subsidio por desemprego... Avanzamos… Lograr cada competencia é como sacar unha moa. E queda moito. Queda moito. Xa sabedes como son en Madrid… Xa os coñecedes… Vas alí e todo son boas palabras. Pero en canto chega o primeiro papel… Hai moito trileiro. Son 46 anos de loita e experiencia negociadora. E xa os coñecemos, como para caer nese xogo”, afirmou o lehendakari. “Que teñan clara unha cousa: imos pelexar por cada unha das competencias que nos pertencen… e que non se confundan… Nin nos van dar gato por lebre nin imos aceptar mercadoría avariada”, concluíu.
Condena do xenocidio en Palestina
No seu discurso, Esteban referiuse á situación en Palestina, condenou o xenocidio na Faixa de Gaza e denunciou a actuación de Israel, afirmando: “Aznar dixo literalmente o mércores pasado que se Israel perde o que está a facer, o mundo occidental poríase ao bordo da derrota total. Non, nin a causa de Israel é a causa do mundo libre nin Israel está a defender a causa do mundo libre. De feito, a súa actuación é absolutamente contraria aos valores do mundo libre tal e como foi definido tras a Segunda Guerra Mundial.
Cando actúas como o faría quen dis combater, convertícheste nel, e a túa causa, a túa razón, perde todo valor. Sabémolo ben aquí. Ademais: do mesmo xeito que non valía todo para combater contra Franco, tampouco vale todo para combater un inimigo cruel e asasino como Hamás. Usar a fame e a sede como arma de guerra, abater nenos, atacar hospitais, arrasar cunha política de terra queimada, matar a máis de 60.000 persoas, pretender desprazar a toda a poboación gazatí do seu territorio… non é defender a causa do mundo: é unha indecencia e un xenocidio. Díxeno hai ano e medio na tribuna do Congreso e repítoo hoxe: algún día Israel mirará cara atrás e avergoñarase da súa conduta. E a súa lexitimidade desaparecería”.
O BNG aposta por "unha folla de ruta compartida" ante o ultraespañolismo
Ao acto do PNV achegáronse representantes de formacións políticas como o BNG desde Galiza, alén de partidos de Catalunya, Canarias, Illes Balears, País Valencià, Alsacia, Occitania, Alemaña, Kurdistán, Angola, Bioko e Annobón.
A responsábel de Relacións Internacionais do BNG, Montse Prado, apostou este domingo por que as forzas soberanistas de Euskadi e Galiza manteñan "unha folla de ruta compartida" ante "o proceso de españolización" e auxe da extrema dereita.
En declaracións realizadas en Foronda, Prado sinalou que esta é "unha oportunidade para reforzar as relacións entre as dúas organizacións políticas, pero tamén para contrastar a situación das nosas nacións nun contexto, a nivel estatal e internacional, moi convulso, de moitas incertezas". Ademais, avogou por que as formacións políticas que aspiran á soberanía dos seus pobos manteñan "estratexias conxuntas" ante o "proceso de españolización, de recentralización polas forzas políticas estatais".
"Faise máis necesaria unha folla de ruta compartido para que as aspiracións, neste caso de Euskadi e de Galiza, poidan plasmarse, porque vemos que a situación a nivel do Estado, do Congreso, mostra moitas máis inquietudes que certezas", asegurou.
Por iso, nun contexto "cun aumento da extrema dereita e dun intento de póer en cuestión as nosas aspiracións, é máis importante que nunca" que compartan políticas.
"Encontros como este permítennos ese contraste de opinións, de saber como están as nosas nacións e reforzar eses vínculos e esa estratexia compartida de crear un marco onde as nacións do Estado poidamos camiñar cara a esa consecución da nosa soberanía", resolveu.