Petro aprobará a consulta popular por decreto e a oposición acúsao de "golpe de Estado"

Gustavo Petro, líder de Colombia. (Foto: Cristian Bayona / Europa Press / Contacto)
A decisión final ficará en mans do Tribunal Constitucional de Colombia.

O presidente de Colombia, o progresista Gustavo Petro, ratificou na madrugada da cuarta feira que o seu Gabinete aprobará un decreto que ultimará esta semana para levar a cabo unha consulta popular sobre os apartados da reforma laboral, que o Congreso, controlado polos conservadores, obstaculizou até o de agora.

Na alocución, tamén informou de que demandará as “mafias internacionais” no Tribunal Penal Internacional (TPI) e denunciou un plan para acabar con el orquestrado pola “nova xunta do narcotráfico”, con sede nos Emiratos Árabes Unidos.

Sobre a consulta popular, que ficará en mans do Tribunal Constitucional, apuntou que “oxalá nos axude a reconstruír o concepto de Estado social de dereito”.

No país, é preciso que o Senado autorice as propostas de referendo do Goberno, mais Petro incidiu en que a Cámara Alta rexeitou de forma fraudulenta a medida a mediados de maio, culpando o presidente do órgano, Efraín Cepeda (Partido Conservador), de fechar a votación ao coñecer “que ingresaban os votos que a facían maioría”.

O ministro de Interior, Armando Benedetti, fixou a cuarta feira como límite para que o lexislativo se pronuncie sobre a consulta popular, algo que non pasara á hora de fechamento desta edición, ou en caso contrario o 12 de xuño será rubricado o decreto, que derivaría en votacións “a finais de xullo ou principios de agosto”.

A oposición critica o mandatario

En paralelo, oito forzas políticas de oposición, que van desde o centro até a extrema dereita, emitiron un comunicado conxunto no que reiteran que a decisión de Petro constitúe un “golpe de Estado”, e reclamaron ao resto de institucións que combatan a suposta "violación"  da Carta Magna colombiana.