A deterioración do Louvre estala en folga: o persoal denuncia unha situación "insostíbel"

Entrada ao Museo do Louvre. (Foto: Europa Press / Contacto / Vincent Isore)
O persoal do Museo do Louvre anunciou unha folga a partir do 15 de decembro para denunciar a grave deterioración das instalacións e a falta de recursos, nun momento marcado polos recentes incidentes estruturais e polo escandaloso roubo das xoias da coroa francesa.

O Museo do Louvre enfróntase a unha nova crise institucional despois de que o seu persoal anunciara esta segunda feira unha folga a partir do 15 de decembro, con posibilidade de prolongarse nos días seguintes. A decisión, tomada por unanimidade nunha asemblea xeral convocada polos sindicatos CGT, CFDT e Sud, chega nun clima de forte malestar pola deterioración das instalacións e pola falta de recursos para garantir condicións de traballo dignas.

Segundo fontes sindicais citadas pola prensa francesa, o persoal denuncia unha situación "insostíbel", agravada polos continuos problemas estruturais no edificio e polos recentes escándalos relacionados coa seguridade do museo máis visitado do mundo.

A convocatoria prodúcese apenas un día despois de se coñecer que varios centos de libros antigos sufriron danos o pasado 27 de novembro debido a unha inundación na biblioteca de antigüidades. A orixe estivo na rotura dunha tubaxe cuxo mal estado era coñecido desde había tempo.

Non é o único incidente recente. O 17 de novembro o museo viuse obrigado a fechar un espazo de oficinas e, de forma preventiva, unha galería de antigüidades gregas situada xusto debaixo, tras detectarse fraxilidade en varias vigas da estrutura.

Un roubo de película... por falta de medidas de seguridade

Mais o episodio que xerou unha maior indignación foi o espectacular roubo decorrido o 19 de outubro: un comando de ladróns accedeu en pleno día á Galería de Apolo mediante un montacargas móbil e levou consigo varias pezas das xoias da coroa de Francia. A pesar de que os catro presuntos autores foron detidos, o botín continúa desaparecido.

As investigacións sobre o roubo e os posíbeis fallos de seguridade están aínda en marcha. Esta cuarta feira o Senado francés presentará as conclusións da investigación administrativa aberta tras o suceso, nun contexto no que cada vez medran máis as preguntas sobre o estado real de conservación e protección do Louvre.

Os sindicatos consideran que a folga é necesaria para obrigar o Goberno francés e a dirección do museo a asumir responsabilidades e acometer "investimentos urxentes" que garantan a preservación do patrimonio e a seguridade do persoal e dos visitantes.