Palestina apoia enviar unha misión da ONU á Faixa de Gaza

Cadáveres en Gaza o 13 de agosto de 2025. (Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press / ContactoPhoto vía Europa Press)

Netanyahu admite os obxectivos territoriais sionistas.

Farsin Aghabekian, ministra de Exteriores da Autoridade Nacional Palestina (ANP), defendeu a cuarta feira crear unha “forza de estabilización” para Gaza, sinalando que Turquía e Xordania estarían interesadas en formar parte dela, nunha listaxe á que a axencia EFE incorporou de forma potencial Francia, Exipto, Italia e o Reino Unido.

Como parte do “plan de acción” do Gabinete de cara ao final do xenocidio, a integrante do Executivo tamén apoiou que a Organización das Nacións Unidas (ONU) constitúa unha “misión de paz” no enclave.

Tamén detallou que a Faixa, gobernada actualmente por Hamás, debe ficar baixo control da ANP, que controla Cisxordania, algo rexeitado polo Goberno de extrema dereita israelí, despois do que se procedería a convocar eleccións. Logo das demandas de varios países occidentais neste sentido, Aghabekian asegurou que Hamás debe entregar as armas xa que “Palestina non será un Estado armado”.

Pouco antes, o líder francés, Emmanuel Macron, repetira a súa proposta de enviar unha misión baixo mandato da ONU para “loitar contra o terrorismo, estabilizar Gaza, axuda a poboación, pór en marcha unha gobernación do país e a estabilidade”.

Pola súa parte, o primeiro ministro sionista, Benjamin Netanyahu, adoptou un ton mesiánico e aseverou á canle i24 que sinte que, en alusión ao xenocidio, está nunha “misión histórica e espiritual”, e trasladou que se sinte identificado co obxectivo sionista dun Grande Israel, que incluiría amais de Palestina os sirios Altos do Golán e a exipcia península do Sinaí.

A impunidade que os seus aliados están a garantir ao réxime israelí o levou incluso a iniciar conversas con Sudán do Sur para expulsar alí os máis de dous millóns de palestinas e palestinos de Gaza, confirmaron seis fontes distintas á axencia AP. Neste contexto e logo de arrasar a inmensa maioría do territorio palestino, ao que levou a unha fame extrema, Netanyahu insistiu en que “non os estamos a expulsar, senón que lles permitimos marchar”.

Entrementres, na Faixa oito persoas máis, tres delas crianzas, perderon a vida pola fame, incrementando o díxito total a 235, das que 106 eran nenas e nenos. Case 62.000 persoas foron asasinadas por Israel en Gaza desde outubro de 2023.

Ademais, a cuarta feira unha delegación de Hamás reuniuse cunha representación exipcia no Cairo, a capital do país africano, para abordar “formas de deter a guerra” no enclave. Así e todo, Israel segue a boicotear de forma sistemática as negociacións.