A opositora venezolana María Corina Machado, premio Nobel da Paz 2025
O Comité Noruegués do Nobel recoñeceu esta sexta feira co premio Nobel da Paz a opositora venezolana María Corina Machado polo seu "incansábel labor na promoción dos dereitos democráticos do pobo de Venezuela e pola súa loita por lograr unha transición xusta e pacífica da ditadura á democracia".
"A democracia depende de quen se nega a calar, de quen se atreven a dar un paso á fronte a pesar do grave risco e de quen nos lembran que a liberdade nunca debe darse por sentada, senón que sempre debe defenderse: con palabras, con valentía e con determinación", xustificou tamén o comité encargado da súa escolla.
O xurado erixiu Machado en "líder das forzas democráticas en Venezuela", á vez que a ve como "unha figura de unidade nunha oposición política que antes estaba dividida". Neste sentido, destacou que non puido presentarse ás eleccións presidenciais de 2024 por estar inhabilitada. "Nun momento no que a democracia está ameazada", o Comité sinalou directamente o "réxime" de Nicolás Maduro acusándoo de non respectar os resultados de ditas eleccións, nas que terminou presentándose como principal candidato opositor Edmundo González Urrutia, agora exiliado en España.
"Cando os autoritarios toman o poder, é crucial recoñecer os valentes defensores da liberdade que se alzan e resisten", engadiu o xurado, para gabar tamén a opositora venezolana pola súa resistencia na clandestinidade. "A pesar das graves ameazas contra a súa vida, permaneceu no país, unha decisión que inspirou a millóns de persoas".
Trump, sen premio
María Carina Machado sucede a principal asociación xaponesa das vítimas das bombas atómicas, coñecida como Nihon Hidankyo, recoñecida co galardón en 2024, nunha edición marcada polas alegacións do presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, en favor de ser el a persoa recoñecida este ano co Nobel.
O Instituto Noruegués rexistrara este ano un total de 338 candidaturas, 244 delas correspondentes a persoas a título individual e 94 a organizacións.