A ONU exixe aos Estados Unidos que paren os "asasinatos extraxudiciais" no Caribe e no Pacífico
Os militares estadounidenses mataron máis de 60 persoas en 16 ataques desde setembro.
“A partir da escasa información facilitada publicamente polas autoridades estadounidenses, ningunha das persoas que se atopaba nas embarcacións atacadas parecía representar unha ameaza inminente para a vida doutras persoas nin xustificaba doutro modo o uso da forza armada letal contra elas en virtude do dereito internacional”, subliñou a sexta feira o alto comisionado da Organización das Nacións Unidas (ONU) para os Dereitos Humanos, Volker Türk.
Türk incidiu en que, “segundo os informes, máis de 60 persoas morreron” nos 16 bombardeos dos militares estadounidenses dirixidos a embarcacións no mar Caribe e no océano Pacífico desde comezos de setembro, “en circunstancias que non atopan xustificación algunha no dereito internacional”, remarcou, facendo énfase en que o están a violar.
O alto comisionado ratificou que “estes ataques”, así como o “seu crecente custo humano”, “son inaceptábeis”, polo que Washington “debe detelos e tomar todas as medidas necesarias para previr o asasinato extraxudicial a bordo destas embarcacións”, independentemente da “conduta criminal que se lles impute”.
Contestando os argumentos da Casa Branca, que xustifica os asasinatos ao estar “supostamente vinculados ao narcotráfico”, matiza a oficina da ONU, o austríaco subliña que “contrarrestar o grave problema do tráfico ilícito de drogas a través das fronteiras internacionais é, como se acordou hai tempo entre os estados, unha cuestión de aplicación da lei, rexida polos límites estritos ao uso da forza letal”, un aspecto no que o dereito internacional dos dereitos humanos deixa claro que “o uso intencional da forza letal só está permitido como último recurso contra persoas que representan unha ameaza inminente para a vida”, polo que exixiu que se investigue o sucedido.
Nese sentido, demandou que se manteñan os métodos estabelecidos, como a interceptación legal de buques sospeitosos ou a detención das persoas implicadas, lembrando que están fixados en tratados antidrogas ratificados tamén polo país norteamericano e engadindo o comunicado do organismo que debe cumprir cos “principios fundamentais do Estado de dereito” como un “xuízo xusto, que os Estados Unidos defenderon durante moito tempo”.
Aliás, o Soufan Center, unha entidade que se define como independente e sen ánimo de lucro e que se especializa en política e seguridade internacionais desde a súa sede en Nova York (Estados Unidos), fixo a mesma solicitude, advertindo á Casa Branca que corre o risco de asinar outro “torpe, en ocasións miope e ás veces desastroso” episodio da política exterior do país, instándoa a actuar “de maneira razoada, legal, ética e moral”, e cunhas “razoábeis expectativas en caso de éxito”.
Represalias dos cárteles
Ao respecto, pediu a Administración frear inmediatamente os ataques militares contra embarcacións dedicadas presuntamente ao narcotráfico, salientando o risco de entrar nunha campaña sen fin ante grupos ben organizados e armados, pois “todos estes cárteles están activos nos principais núcleos urbanos dos Estados Unidos e incluso en zonas rurais”, e teñen capacidade para executar represalias en territorio estadounidense. En paralelo, requiriu a fin de potenciais operacións para atacar os supostos países de orixe, como Venezuela.
Malia as declaracións de Washington, os informes da ONU deixan claro que o tránsito de drogas polo Caribe é mínimo en relación ao Pacífico, o que confirma que buscan na práctica aumentar a presión contra o presidente progresista venezolano Nicolás Maduro, que encabeza un Goberno que se negou a aliñarse cos intereses estadounidenses, co obxectivo de derrocalo.
No tocante ao Pacífico, os ataques alí non comezaron até que ficou confirmada a denuncia colombiana de que unha das embarcacións atacadas tiña bandeira do país e estaba dedicada á pesca. Un mariñeiro colombiano foi asasinado. O mandatario do país, o progresista Gustavo Petro, tamén se negou a avalar as accións estadounidenses, o que motivou represalias na súa contra.
A avaliación do Soufan Center pormenoriza as consecuencias de empregar tropas para tarefas policiais, como violacións da soberanía doutros estados con grandes danos colaterais entre os civís ou éxitos apenas de carácter puntual, ao non abordar a orixe da problemática.
Precisamente un dos eixos é a “demanda sostida de drogas nos Estados Unidos”, sinala a organización, sentenciando que “os cartos mandan”, un elemento denunciado por Caracas e Bogotá. Incluso coa “total eliminación” da subministración só habería un “efecto atenuante” se non se combate o consumo, resolve.
Á parte do risco de que isto derive nunha “guerra irregular para a que os Estados Unidos non están preparados”, chegando a asegurar logo de que a Casa Branca equiparara os cárteles con terroristas que se está a expor aos mesmos erros que cometeu nas invasións e ocupacións do Iraq ou Afganistán, o grupo de persoas expertas adianta que entre as repercusións de proseguir por esta vía estarían a interrupción das cadeas de subministración con México, a suba do prezo do petróleo ou da produción de drogas de grupos criminais estadounidenses.
Protesta en Venezuela contra o asedio estadounidense
Milleiros de persoas saíron á rúa a quinta feira en Caracas, a capital venezolana, para trasladar que “estamos preparados para defender a nosa patria”, sostivo a progresista Carmen Meléndez, alcaldesa da metrópole, nunha mobilización na que participaron movementos sociais e da mocidade. O pobo non é “colonia de ninguén, somos independentes e soberanos, e a nosa independencia é o máis prezado que nos deixaron os nosos liberadores”, acrecentou a rexedora.
Ao tempo, Gustavo Petro negou a veracidade das informacións publicadas pola prensa colombiana sobre a negativa de empresas estadounidenses no aeroporto de Barajas, en Madrid (Estado español), a abastecer de combustíbel o avión presidencial, por temor a incumprir as sancións que lle impuxeron os Estados Unidos, que forzan a que se eviten todas as transaccións coa vítima para evitar represalias gobernamentais. A Casa Branca sancionouno tras acusalo sen probas de vínculos co narcotráfico.
O colombiano debullou que isto aconteceu en Cabo Verde, responsabilizando a Forza Aeroespacial Colombiana de contratar toda a subministración de combustíbel fóra do país cunha compañía de Washington, unha situación na que “España axudoume”, aseverou Petro.